Este mediodía reuniuse a “Comisión de seguimiento do Plan Estratéxico de Ourives de Compostela”. Nesta xuntanza, presidida polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, debatéronse as actividades que integran o plan e que se prevén executar no 2023, entre elas, o lanzamento da marca colectiva de calidade “Ourives de Compostela” e a compilación de documentación audiovisual das técnicas de ourives de máis idade. E tamén se fixo balance da exposición “O Esplendor do Camiño, oito séculos de pratería e acibeche en Compostela”
O obxectivo destas gravacións que se van recompilar, explicou Sánchez Bugallo, sería contar “cunha base audiovisual para preservar esas técnicas” artesáns. En canto ao selo de calidade, é importante para “diferenciar o produto dos Ourives de Compostela” daquelas marcas procedentes doutros paises, sobre todo de China, xa que neste momento, engadiu, “non hai un elemento que distinga os produtos de artesanía local daqueles de producción industrial. E tamén axudará, continuou, a pór en valor os produtos dos nosos artesáns”
Na Comisión tamén se fixo un balance moi positivo da exposición “O Esplendor do Camiño, oito séculos de pratería e acibeche en Compostela”, sufragada polo Concello de Santiago e que recibiu 100.000 visitas entre os meses de xullo e setembro deste ano na Igrexa da Universidade e no Colexio de Fonseca. O que supuxo, sinalou o alcalde, “unha inxección de moral para os profesionais”
Ademáis do alcalde, na xuntanza estaban presentes a concelleira de Urbanismo e Acción Cultural, Mercedes Rosón; Cecilia Pereira, representante da Axencia de Turismo de Galicia; Raquel González García, xefa do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente da Consellería de Educación; a técnica de Comercio, Lucía Castro; unha representación da Asociación de Artesáns e Comerciantes “Ourives de Compostela”, encabezada polo seu presidente Arturo Ouro; asíi como unha representación de Incolsa.
Plan Estratéxico de Ourives de Compostela
Santiago chegou a ser unha referencia a nivel mundial en orfebraría. Na Idade Media contabilizáronse ata 130 obradoiros de prateiros e acibecheiros arredor da Catedral. Pór en valor este oficio e recuperar a súa importancia histórica é un dos obxectivos da Asociación de Artesáns e Comerciantes Ourives de Compostela agrupa aos gremios de artesáns da pratería, xemoloxía, reloxería, orfebrería, acibechería e aos comercios dos citados sectores da comarca de Santiago.
A asociación conta cun Plan Estratéxico entre cuxos obxectivos figura a posta en valor da pratería e ourivería compostelá. Para o seu seguemento constituíse unha comisión presidida polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e integrada pola Asociacións Ourives de Compostela, a Universidade de Santiago, e unha representación das administracións públicas autonómica, provincial e local galegas.