Friday 22 de November de 2024

A alcaldesa entregou hoxe os diplomas do obradoiro para maiores “Conéctate á rede”


A alcaldesa, Marián Ferreiro, entregou hoxe os diplomas do obradoiro municipal “Conéctate á rede”, dirixido a persoas maiores. Un total de 72 persoas inscribíronse nesta actividade a través da que recibiron formación básica de manexo de teléfonos móbiles intelixentes, tal e como recordou Ferreiro.

Unha parte do alumnado desprazouse ao Concello para recibir os diplomas que acreditan que remataron os obradoiros, que se impartiron en centros comunitarios e cívico-sociais dos diferentes barrios e parroquias de Narón. A rexedora local apuntou que se celebraron en dúas quendas, unha no primeiro semestre do ano que tivo lugar en Pedroso, Freixeiro e no Centro de maiores das Vivendas da Mariña e outra despois do verán en Virxe do Mar, Piñeiros, Pedroso e Xuvia, con vinte horas de formación en cada caso.

Trala entrega dos diplomas a alcaldesa conversou cos participantes no obradoiro que estiveron hoxe no Concello e interesouse polas súas preferencias á hora de convocar novas accións formativas dirixidas ao colectivo. Ferreiro felicitou aos homes e mulleres que remataron con éxito esta convocatoria e animounos a continuar participando noutras que se convoquen o vindeiro ano.