Thursday 21 de November de 2024

O Concello remata os traballos para a recuperación do mural ‘Evolución da Torre’


O mural, obra de Xan Vázquez, amosa as catro fases construtivas recollidas por José Cornide no primeiro tratado sobre a Torre de Hércules

Destacan as actuacións sobre a pedra así como a restauración da placa coa inscrición inicial, xunto co axardinamento realizado na contorna

O Concello rematou esta mañá os traballos para a recuperación do mural ‘Evolución da Torre’ de Xan Vázquez, situado no Campo da Rata. A súa restauración foi unha das catorce actuacións patrimoniais postas en marcha neste ano 2022, froito da aposta do Goberno de Inés Rey pola recuperación e posta en valor do patrimonio histórico-artístico da cidade.

Os traballos para a conservación e restauración do mural consistiron na reintegración e reposición de estruturas e elementos deteriorados ou desaparecidos con pezas de similares características ás orixinais así como a substitución dos elementos de cartelaría deteriorados por un novo panel interpretativo metálico resistente ás inclemencia meteorolóxicas.

Tamén se levaron a cabo traballos de limpeza na superficie pétrea así como na contorna do mural. A intervención patrimonial foi supervisada por Alejandro Pujales Souto, profesional restaurador en arquitectura e escultura monumental con intervencións no claustro do Pazo de Fonseca así como na Facultade de Medicina da USC ou en diferentes enclaves da Catedral de Santiago. Ademais, o Concello levou a cabo traballos de xardinaría para o acondicionamento da contorna vexetal mellorando a visibilidade e estética do mural.

O conxunto recrea as catro fases construtivas da Torre de Hércules sinaladas polo historiador José Cornide Saavedra no primeiro tratado sobre a Torre de Hércules, escrito no ano 1792. Este tratado foi o primeiro documento en recoñecer a orixe romana da Torre de Hércules. O Goberno de Inés Rey con esta actuación avanza na recuperación do patrimonio e dos símbolos artísticos da cidade, poñendo en valor o seu patrimonio cultural, como xa ten feito cos reloxos históricos e cos xardíns de San Carlos e Méndez Núñez.