· A exposición recolle o traballo realizado pola artista Rosa Rey nos últimos cinco anos.
O Toñito Espiñeira acolle, desde onte, a exposición de pintura ‘Divertimento’, obra de Rosa Rey, veciña de Carral. A inauguración oficial correu a cargo do alcalde, Javier Gestal, do concelleiro de Cultura, Francisco Bello, e da propia artista, así como dun nutrido grupo de asistentes que quixeron tomar parte na aterraxe desta mostra no concello. ‘Divertimento’ está conformada por 41 cadros que Rey realizou ao longo dos últimos cinco anos. Lonxe de ter un estilo pechado, a pintora empregou técnicas como a acuarela, a pintura acrílica e o óleo para dar forma ás obras.
A paixón desta veciña por esta disciplina artística comezou hai só uns anos: “comecei indo a clases con Kukas e, ao final, descubrín que tiña bastante potencial e, sobre todo, que me divertía. Precisamente, o nome da mostra vén dese divertimento que sinto ao pintar”.
Rosa Rey é, agora, unha artista prolífera que se atreve con técnicas moi diversas. Esta diversidade está tamén presente na temática dos cadros: “nas pinturas hai moitas paisaxes, bodegóns e tamén animais”. Dentro do catálogo, a artista recoñece que hai algunha obra inspirada en Carral: “hai un dunha árbore que está inspirada nas do Campo da Feira”, explica a autora.
As persoas interesadas poderán visitar a exposición ata o 20 de xaneiro de 10.00 a 14.00 horas. A maiores, Rosa Rey levará a cabo visitas guiadas os días 28 de decembro, 4 e 11 de xaneiro, de 18.00 a 20.00 horas.