O voluntariado da Pobra do Caramiñal recibiu na tarde do día 21 de decembro o tradicional aguinaldo do Nadal. Distribuíronse así un total de 40 lotes de produtos típicos destas datas xunto con outros agasallos entre as persoas participantes nos ámbitos social, medioambiental, do benestar animal e da Protección Civil.
No acto de entrega efectuado no teatro cine Elma, o concelleiro do Voluntariado, José Andrés Lojo (Nós Pobra), manifestou que se trata dunha pequena mostra coa cal transmitírlle-lo agradecemento a todo o equipo de voluntariado da localidade polo seu labor altruísta que tan positivamente redunda no conxunto da sociedade.
Con relación á esfera do benestar animal quixo destaca-lo “traballo inmenso” da Protectora Moura na defensa dos animais e a súa implicación en garanti-lo benestar destes. Tamén tivo palabras de eloxio para o eido medioambiental, que neste ano se centrou no control da especie exótica invasora Cortaderia selloana, comunmente coñecida como penacho ou plumeiro, e na retirada de lixo na praia da Corna. Quixo, ademais, dirixirse especialmente ás persoas que exercen como voluntarias no CAD e que contribúen a “mellora-la calidade de vida das usuarias”, así como a quen ofrece clases gratuítas ou destina parte do seu tempo no traslado de veciños e veciñas ás consultas médicas. E, finalmente, chegou a quenda da Protección Civil. O edil puxo en valor tódalas tarefas que realizan, dende a participación nos dispositivos de actividades ata a súa actuación en emerxencias ou sucesos como, por exemplo, os incendios do verán.
Nesta mesma liña tamén se pronunciou o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), quen salientou que “o proxecto do voluntariado medra e continuará crecendo nos próximos anos” en beneficio do pobo cun equipo que resulta imprescindible, tal e como se incide na proxección dun vídeo de gratitude coas intervencións de membros do goberno municipal, traballadores e traballadoras do Concello e da cidadanía da Pobra.