O Concello recibiu hai uns días unha carta enviada polo Apalpador cos detalles da súa visita a San Sadurniño, que se producirá este venres 23 de decembro. O carboeiro máxico do Courel botará o día no noso municipio visitando a EIM A Rolada, o Centro de Día e tamén a Residencia Suacasa, antes de reunirse coa rapazada na Casa da Cultura sobre as 19:00h, xusto despois do espectáculo “O Apalpador e a nena sen medo” que nos traerá, ás 18:00h, a compañía A Xanela do maxín. Para a obra infantil xa poden reservarse entradas no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.
“O Apalpador e a nena sen medo” é unha proposta escénica e participativa dirixida a familias con nenas e nenos a partir dos 3 anos. A historia expón unha trama moi sinxeliña na que unha nena (a nena sen medo) lle escribe ao pandigueiro das montañas “pedíndolle palabras que lle enchan o corazon e que lle axuden a soñar”. Porén, preto da data en que virá o carboeiro, a pequena decátase de que esqueceu botar a carta na caixa do correo e, a partir dese momento, comezarán as súas peripecias para facerlla chegar.
Trátase dunha obra de bonecos inspirada nun poema de Sechu Sende que logo se convertería en libro da man de Celtia Figueiras e Sonia García en colaboración co proxecto educativo Semente Compostela. O peso da narración, ademais dos monicreques protagonistas, lévao Celtia Figueiras, quen ofrece neste vídeo algún dato máis sobre esta proposta escénica “de pequeno formato” incluída na Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Segundo Figueiras, o espectáculo “xurdiu da necesidade de dar a coñecer este personaxe do Nadal galego”, introducindo ademais a temática da lingua. “A nena protagonista vive na cidade e non fala galego…pero quere falalo, e entón pídelle palabras para poder facelo”.
Para asistir a “O Apalpador e a nena sen medo” -repetimos, este venres 23 de decembro ás 18:00h na Casa da Cultura- hai un máximo de 100 entradas dispoñibles, que se poden reservar a través do 616 332 919 ou do correo agustin.perez@sansadurnino.gal.
Ao remate da obra, sobre as 19:00h, o Apalpador chegará á Praza do antigo Concello co seu zurrón cargado de bos desexos e algunha que outra sorpresa para agasallar as nenas e nenos, despois de visitar durante a xornada -na compaña do grupo de Cantos de Taberna- a EIM A Rolada (10:00h), o Centro de Día (11:30h) e a residencia Suacasa (17:30h). Se chovese, a recepción faríase dentro da Casa da Cultura (non fai falla reservar entrada).