A exposición, promovida pola Asociación Sociocultural Zona Hadal, recolle testemuñas, fotografías e restos do barco afundido xunto á Torre de Hércules en 1992
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu o acto da presentación da exposición ‘Cru: memoria coruñesa sobre o Mar Exeo’ no Aquarium Finisterrae. Esta mostra conmemora o 30 aniversario do naufraxio do petroleiro fronte á Torre de Hércules e está promovida pola Asociación Sociocultural Zona Hadal. Poderase visitar ata primavera.
Foi o 3 de decembro de 1992 cando o buque petroleiro Aegean Sea (Mar Exeo) encallou ao pé da Torre, vertendo toneladas de cru na costa coruñesa e creando unha gran nube de fume negro que cubriu toda a cidade. Esta mostra recolle 30 testemuños de coruñeses e coruñesas de diferentes ámbitos da sociedade, que contan como viviron aquel día.
Por outra banda, a exposición tamén recolle o arquivo fotográfico dos profesionais quecubriron o suceso. A mostra, que conta coa colaboración da Universidade da Coruña, WWF e Buceo Galicia, inclúe tamén unhas esculturas de Emile Gireau feitas con restos do buque petroleiro.
“Aqueles foron momentos difíciles, mais deixaron unha mensaxe clara: a importancia de preservar as nosas costas e o medio ambiente”, sinalou a alcaldesa, que estivo acompañada por Antía Soto, da Asociación Sociocultural Zona Hadal, e Marcos Pérez Maldonado, director dos Museos Científicos Coruñeses. “É necesario que o que sucedeu aquel 3 de decembro non caia no esquecemento. Por iso, esta mostra é moi importante e moi significativa”, apuntou Rey.