Thursday 21 de November de 2024

O Concello de Frades fai entrega a Cáritas dos alimentos recollidos na campaña de Nadal


O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, fixo entrega dos alimentos recollidos na Campaña de Nadal ás representantes de Cáritas Frades-Mesía. Unha campaña que, por noveno ano consecutivo, permitiu recoller alimentos básicos (leite, aceite, azucre, pasta, arroz, legumes, conservas…) así como produtos do Nadal, todos eles debidamente etiquetados e coa data de consumo preferente non superada. Uns produtos que serán entregados nos próximos días ás familias máis necesitadas do municipio.

Tras o acto de entrega dos alimentos, que tivo lugar esta mañá na Casa do Concello, Roberto Rey agradeceu “a xenerosidade de todos os veciños e veciñas que colaboraron este ano na campaña, así como ás persoas responsables dos distintos establecementos e entidades que tomaron parte nesta recollida solidaria”. Eses puntos de recollida foron o supermercado Loli e o salón de peiteado Patricia Tacón (na parroquia de Abellá), os supermercados Claudio e Tandy (en Ponte Carreira, Gafoi), a Cooperativa Central de Frades (na parroquia de Ledoira), o CPI Ponte Carreira e a propia Casa do Concello. A campaña desenvolveuse do 24 de novembro ao 21 de decembro.