Saturday 16 de November de 2024

O concello abre a oficina virtual tributaria que permite a realización de 18 trámites en liña


Pódense autoliquidar taxas e impostos, así como realizar simulacións sobre o importe do ICIO.

O Concello vén de poñer en funcionamento na sede electrónica municipal a Oficina Virtual Tributaria cos obxectivos de prestar aos laracheses servizos de forma máis eficaz e continuar impulsando a administración sen papel que axiliza e simplifica os procedementos e as relacións entre os cidadáns e profesionais co Consistorio naqueles trámites relacionados co pagamento de taxas e impostos.

A Oficina Virtual Tributaria do Concello da Laracha foi deseñada para que o contribuínte localice a información do seu interese dun xeito áxil e intuitivo, o que favorece o entendemento do trámite que desexa levar a cabo e minimiza o risco de erros na súa xestión. Todos os procedementos dispoñibles de autoliquidación das taxas e impostos poden ser completados ao cento por cento en liña a través da pasarela de pago, pero tamén se ofrecerá a posibilidade de obter o documento co código de pagamento para aboar posteriormente nunha entidade bancaria.

O catálogo dixital contempla un total de dezaoito trámites, entre os que se atopan os relacionados coas acometidas ás redes de saneamento e abastecemento, expedición de documentos administrativos (dereitos de exame, certificación catastral, contratos administraticos, etc), vaos, terrazas dos locais de hostalería, postos de venda no campo da feira de Paiosaco, licencias de apertura de establecementos, licencias urbanísticas e recollida de lixo. Tamén se permite o abono das actividades culturais e deportivas, así como da taxa pola utilización das instalacións deportivas municipais (pavillóns e pistas de pádel), aínda que nestes casos requírese formalizar previamente no Concello a correspondente inscrición ou reserva.

Así mesmo, tamén poden realizarse simulacións sobre importe do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) en relación ao custo do proxecto a executar.

Pódese acceder directamente á Oficina Virtual Tributaria na web ovtlaracha.dacoruna.gal ou ben a través da sede electrónica sede.alaracha.gal, que tamén conta cun banner nunha zona destacada da portada da web municipal www.alaracha.gal.