Tal e como lembrou o alcalde, Sánchez Bugallo, FERUSA, a federación de asociacións do rural viña demandando este Pacto polo Rural, desde 2016, “é foi este goberno quen o trouxo a pleno”.
Na sesión tamén se aprobou o proxecto para a renaturalización, mellora da biodiversidade e consolidación da infraestructura verde da Cidade de Santiago de Compostela “Entre Sar e Sarela”. Está previsto que se presente mañá, conxuntamente coa USC, á convocatoria de “Renaturalización de Cidades” da Fundación Biodiversidade
O pleno do Concello de Santiago, presidido polo alcalde Xosé Sánchez Bugallo, que comezou cun minuto de silencio en memoria das vítimas de violencia machista, aprobou por unanimidade o texto do Pacto polo Rural, que FERUSA, a federación de asociacións do rural viña demandando desde 2016, e que ten como principios inspiradores o equilibrio territorial, a sustentabilidade económica e a transversalidade. Tamén deu luz verde ao proxecto para a renaturalización, mellora da biodiversidade e consolidación da infraestructura verde da Cidade de Santiago de Compostela “Entre Sar e Sarela”, cos votos a favor de todos os concelleiros da Corporación Municipal, agás o Grupo Popular, que se abstivo. Este proxecto está previsto que se presente mañá, conxuntamente coa USC, á convocatoria de “Renaturalización de Cidades” da Fundación Biodiversidade.
Mercedes Rosón, Sánchez Bugallo e Mila Castro
A proposición sobre o Pacto polo Rural, define como obxectivo prioritario para o período de 2023 a 2030, acadar unha mellora significativa do estado actual do rural municipal, en atención ás prioridades detectadas, que pola súa vez determinan as accións que se deben levar a cabo. O texto concreta, para este período temporal de 8 anos, solventar as carencias en servizos básicos e asegurar a conservación e mantemento da rede viaria. A tal efecto, comprométese a destinar integramente para o rural os fondos POS da Deputación da Coruña e asemade, a complementar esas actuacións con fondos propios, asignando o 1% do orzamento anual, así como os que poidan derivarse tanto dos convenios que se asinen a tal efecto con outras administracións públicas como aqueles outros que se poidan obter a través dos procedementos concursais. O Pacto establece ademais outra serie de prioridades que o Concello de Santiago deberá acometer de xeito transversal, dentro dos orzamentos dos distintos departamentos, ou ben grazas ás achegas doutras entidades, tales como axudas europeas, axudas de compensación da Xunta de Galicia e fondos do Estado.
Proposición conxunta Pacto polo rural
Esta proposición defendeuna o concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel. Entre os eixos vertebradores do pacto que citou figuran a priorización de servizos básicos, a mellora da mobilidade da poboacion, “procurando o xeito de pór en marcha un servizo de transporte á demanda”, seguir apoiando a creación de iniciativas empresariais no rural e a “diversificación das explotacións forestais e agro-gandeiras e incentivando a economía circular” e velar polo cumprimento da calidade medioambiental,dado que a competencia é autonómica.
Segundo explico, “para garantir a estabilidade dese pacto” márcase unha duración para o mesmo de 8 anos: 2023-2030, “comprometéndose os representantes da cidadanía a destinar íntegramente para o rural de Compostela dos fondos do Plan Único de Concellos da Deputación Provincial da Coruña (POS +) e incrementalos con fondos propios municipais co 1% do orzamento anual”. O documento tamén contempla a constitución, no primeiro semestre de 2023, do Consello do Medio Rural, no que estarían representantes todos os Grupos Políticos con representación municipal, e as asociacións veciñais do medio rural. Este Consello reuniriase de xeito ordinario alo menos unha vez cada seis meses e avaliaría o cumprimento do texto do pacto.
Proposicións
Tamén saiu adiante o proxecto para a renaturalización, mellora da biodiversidade e consolidación da infraestructura verde da Cidade de Santiago de Compostela “Entre Sar e Sarela”, cos votos a favor de todos os concelleiros da Corporación Municipal, agás o Grupo Popular, que se abstivo. Este proxecto está previsto que se presente mañá, conxuntamente coa USC, á convocatoria de “Renaturalización de Cidades” da Fundación Biodiversidade. A proposta defendeuna a concelleira de Medio Ambiente. Mila Castro sinalou que “para este goberno, posta en marcha do Anel Verde Exterior, incluído na Extratexia Plurianual do Real Padroado e incluída tamén na Axenda Urbana 2030, aprobada por esta corporación, e unha prioridade”. Precisamente, este proxecto que se aprobou ten como obxetivo impulsar a renaturalización urbana e a infraestrutura verde de Santiago de Compostela, favorecendo a conectividade ecolóxica do Anel Verde Exterior coa trama urbana; e impulsando a rexeneración e recualificación de áreas degradadas e a renaturalizacion de espazos urbanos, logrando así unha mellor habitabilidade da cidade, e reforzando tamén a súa adaptabilidade aos efectos do cambio climático.
As distintas accións descritas no proxecto, supoñen, sinalou Mila Castro, “a consolidación del Anel Verde Exterior de Santiago de Compostela, xa que se actúan en espazos públicos que conforman este perímetro distintivo da nosa cidade. En conxunto, se conceden todas as axudas solicitadas, supón, un investimento superior aos catro millóns de euros, a desenvolver entre os anos 2023 e 2025; que xunto co proxecto xa concedido pola mesma Fundación Biodiversidad para a restauración fluvial do Banquete de Conxo, mostran unha vez mais a decidida aposta que fai Santiago pola conservacións dos seus espazos verdes como símbolo de identidade da capital de Galicia”
Mila Castro
No proxecto,segundo explicou Mila Castro, inclúese unha primeira acción global “que consiste na elaboración da Estratexia de Infraestrutura Verde e Adaptación ao Cambio Climático de Santiago de Compostela, que suporá ter unha nova estratexia 12 anos despois da elaborada por Albert Cuchí para Compostela no ano 2010. Con esta nova estratexia fixarase as directrices de intervención en espazos naturais de alto valor e de renaturalización dos espazos públicos da cidade. Moi especialmente a intervención no espazo agroforestal das Brañas do Sar, que pola súa complexidade e polo seu valor singular para Compostela deberá ser tratado, previo análise e deseño nesta estratexia, na intervención que se decida levar a cabo no futuro”.
Outra das acción establecidas e a chamada “Barrio Verde de Pontepedriña”, que, destacou a concelleira, “dá continuidade ao proxecto presentado do Restollal na convocatoria de Baixas Emisións. A zona da avenida Ramon Ruibal ten unha elevada porcentaxe de espazo público destinado ao tráfico, e quérese continuar coa remodelación que se fará no Restollal ata a rotonda da Galuresa (e dicir, un carril por sentido mais un carril bici no marxe esquerdo). A novidade deste acción, e que seguindo o modelo de renaturalización de espazos públicos noutras cidades de España como Barcelona ou a propia Vitoria, buscaranse solucións verdes que permitan a convivencia entre os usos urbanos e as dinámicas ecolóxicas. Falamos de incrementar a presenza de vexetación autóctona recuperando espazo verde do espazo gris actual (pavimentos verdes drenantes, bandas lineais de vexetación), e ampliando os espazo públicos verdes actuais, así como outras solucións que se adapten aos obxectivos desta na acción e que se concretaran co proxecto de intervención; como por exemplo a creación dunha pantalla verde no perímetro noroeste da rúa Pintor Laxeiro, minimizando o impacto visual e acústico das infraestruturas ferroviarias e da área de estacionamento. Esta proposta xa foi compartida coas asociacións veciñais de Pontepedriña e Castiñeiriño o pasado 17 de outubro, o obxectivo e que Pontepedriña sexa un exemplo da cidade verde que queremos no futuro. Suporá unha intervención neste barrio de case dous millóns de euros”.
Outro espazo sobre o que está previsto actuar é área verde no Barrio de Cornes, delimitada entre a liña ferroviaria e a circunvalación SC-20, que precisa unha intervención para ser un espazo verde recuperado totalmente renaturalizado. Proponse, explicou Mila Castro, “a eliminación de residuos de orixe urbana e de especies exóticas invasoras e recuperación e reforzo da vexetación autóctona; deseñarase unha rede de novos sendeiros que de conectividade entre Conxo, Cornes e Pontepedriña. Acometeránse tamén medidas de illamento acústico e visual da área mediante a creación de pantallas vexetais formadas por especies arbóreas e arbustivas autóctonas. A actuación ten un orzamento estimado de mais de 200 mil euros”.
Intervirase tamén na Lagoa do Auditorio de Galicia, coa restauración fluvial do río Corgo e coa mellora ecolóxica das areas verdes do arredor. Unha demanda, indicou a responsable de Medio Ambiente, para a que se propón a reparación do vaso da lagoa, mellora da impermeabilización e a eliminación do sedimento acumulado, a restauración da canle fluvial do río Corgo (nas zonas dos xardíns do Auditorio, Finca de Lois e parque das Nacions), a colocación de illas flotantes vexetais que contribuyan á oxigenación e depuración da auga, e a transformación da iluminación da contorna, previo estudo, alcanzando o equilibrio entre a iluminación funcional e a preservación da biodiversidade. Estimase un orzamento para esta acción de mais de 800 mil euros”.
Actuarase tamén no espazo coñecido como o Xardín Botánico a carón do Campus Sur da Universidade. Buscarase a conservación e restauración fluvial do corredor ecolóxico do río Sarela, reforzarase a restauración do bosque autóctono de carballeira; e acondicionarase a rede de carreiros internos das áreas verdes e zonas de estancia, incluíndo medidas de accesibilidade, actuando especialmente nas áreas onde poden existir riscos de caída ou onde é necesario repor elementos da pasarela existente. Esta actuación terá un orzamento de mais de 200 mil euros.
Por último, engadiu, “proponse facer unha restauración ecolóxica no Monte do Viso, na área de propiedade y xestión municipal. Farase unha substitución de especies exóticas por plantas nativas: bidueiros, carballos, sobreiras, acivros e distintas especies arbustivas; tomaranse medidas para a conservación de distintas especies de pequena fauna silvestre; e reforzaranse as sendas interiores para facilitar o seu uso, tendo en conta os problemas de mobilidade de moitas persoas e dotando por tanto das medidas de accesibilidade universal correspondentes. Estimase un orzamento de mais de 170 mil euros”.
Nas seguintes proposicións, para actualizar a normativa urbanística destinada a revitalizar a Cidade Histórica, coa protección dos edificios e do comercio tradicional, co obxecto de incrementar o seu censo de residentes; e para impulsar novos itinerarios escolares seguros, e o programa Colecamiños, o Grupo Municipal Socialista abstívose.
Igual que na última proposición debatida, sobre a transparencia e a participación institucional. O concelleiro de Presidencia e Relacións Institucionais, Sindo Guinarte, sinalou que “non se pode negar que o nivel de transparencia sexa o máis elevado que nunca tivo a administración municipal. Anunciou, ademais, a licitación da nova páxina web que “vai ser esencial. Vainos permitir centralizar toda a información, actualmente dispersa. E, engadiu, “sacaremos tamén unha app municipal que incorporará os servizos dispoñibles”.
Na segunda quenda interveu o alcalde, que lle reprochou a PP que falase “de transparencia e participación institucional, cando hai unha carpeta chea de solicitudes de información que foron remitidas ao Valedor do Pobo, porque o goberno do PP non as contestaba”. Sánchez Bugallo constatou tamén, “a exemplaridade do actual Goberno Municipal”, convidando á participación de todos os grupos en todos os actos. Nada que ver coa Xunta de Galicia que nunca convida a ningún deputado da oposición. Casualmente cando convida a algún é do seu propio partido, e sempre é o mesmo”. A continuación preguntoulle ao Grupo Popular e a Compostela Aberta, cantas veces, durante o seu mandato se reunira o “único órgano obligatorio nun concello, que é o Consello Económico e Social. Nunca. Ningunha. Nin sequera se constitueu. Neste goberno funciona de forma estable e continuada. Cantas veces compareceu o alcalde nos plenos do debate do Estado do Municipio? Na época do Partido Popular, ningunha, na época de Compostela Aberta, unha”, cando o actual alcalde, comparece anualmente.
A continuación compreceu o concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá, Barrios e Relacións Veciñais, Gonzalo Muiños. Negou a falta de transparencia en relación á situación do transporte urbano en Santiago, e aclarou que “mes a mes, pleno a pleno se dá cumprida información sobre a situación actual do transporte e da nova licitación”.
Explicou que, “con respecto ao servizo actual, o pasado 15 de decembro se completou a incorporación dun total de 8 vehículos á rede de transporte urbano”. Destináronse á liña 7, ao conxunto da liña 6, á liña 1 e á liña C2, porque “segundo o informe presentado no Consello de Administración de Tussa, a liña 7 precisaba dos dous autobuses”, nun dos casos por unha avaría inhabilitante do vehículo e noutro pola excesiva antigüidade doutro dos buses. En canto ás liñas 1 e 6, “por recomendación dos técnicos debido á importante carga de persoas usuarios. En canto á liña C”, que cubre a mobilidade aos hospitais da cidade, destinarase un novo autobús, que reforzaría a accesibilidade neste liña.
Muíños informou que queda pendente a incorporación de 3 vehículos, que “co mesmo criterio”, destinaranse ás liñas C11, a circular de Fontiñas, debido ao número de expedicións e de persoas usuarias; e ás liñas circulares C2 e C4 que cobren as relacións de mobilidade co hospital. Engadiu que, despois da incorporación das novas unidades, “o número de incidencias está a baixar de xeito significativo, aínda que seis días non son suficientes para facer unha análise en condicións”.
En relación ao contrato de transporte, Gonzalo Muíños lembroulle á oposición que que “no ano 2015, coincidiendo co gobierno do Partido Popular, e segundo o recollido no prego de condicións que rexe o servizo de transporte urbano, estaba establecida a renovación de 11 vehículos, ao igual que no ano 2011, cando o gobierno naquel momento, do PSdeG, deixou encamiñada a posta en marcha das novas unidades”. Pero, engadiu, “o PP non foi quen” de levar a cabo esta renovación dos 11 vehículos. E a continuación, record, “Compostela Aberta tiña a oportunidade e a obriga de realizar dita renovación, que finalmente tampouco foi quen de levar a cabo”. Compostela Aberta, continuos, chegou a 2019, “cun prego vencido desde facía dous anos, o que evidentemente o inhabilita para tomar decisións de calado sobre o mesmo”. E engadiu: “puido ter tido tomado outro tipo de decisións, tales como a prórroga anual do servizo ata o ano 2022, ou sacar o prego de condicións”, pero non o fixo. Cando, subiliñou, “accedemos ao goberno, atopámonos cun estudo económico totalmente desconectado coa realidade, e unha vez desestimado polo persoal do concello, desestimouse a súa validez, polo que houbo que partir de cero”.
O concelleiro avanzou que nestes momentos “o expediente xa se atopa na Oficina Nacional de Avaliación”, e que esta mesma semana se lle enviou unha nova actualización. Aclarou que estas actualizacións “non se deben a erros no expedientente, se non á volatibilidade da situación económica” que altera e desfasa os valores. “Rematado este proceso, e tras a fiscalización por parte dos servizos municipais, só quedará sacar a licitación pública”.
Gonzalo Muíños continuou a súa intervención incidindo que todo este proceso, “que vostedes entenden como retrasos inxustificados, son pasos realmente importantes” de cara unha maior garantía xurídica e económica “nun proceso de tanta envergadura como este”. Tamén anunciou coa nova licitación, aumentarán as frecuencias e “relacións de mobildiade no servizo ao Polígono do Tambre.
O concelleiro tamén informou sobre as obras proxectadas, as que están en proceso de licitación e as que se están executando. Gonzalo Muíños informou que no mes de febreiro de 2023 “finalizará o actual servizo para a execución de diversas operacións e conservación, mantemento e reparación de pavimentos nos viariso municipais”, polo que se vai proceder á nova licitación do servizo. Na actualidade, explicou, foron remitidos ao Servizo de Contratación os novos pregos, divididos en dous servizos que substituirán ao anterior. Un servizo de conservación, mantemento e reparación de viarios asfálticos, cun importe de licitación de 800.000 euros para dúas anualidades; e un servizo de conservación, mantemento reparación e pequena reforma de espazos públicos, cun importe de 600.000 euros para dúas anualidades.
Sobre o servizo de roza e limpeza de parcelas municipais, informou que neste momento está aprobada a adxudicación á empresa de iniciativa social Coregal por importe de 150.000 euros, con previsión de iniciar os labores a principios de 2023. Lembrou, ademais, que están en tramitación, pendentes de iniciarse, os servizos de mantemento de instalacións térmicas, o de instalacións de proteccióin contra incendios e o de mantemento de alarmas.
En relacións ás obras, citou o listado das distintas actuacióins nas que se está a traballar, as que están en estado de elaboración do proxecto; os proxectos rematados pendente de financiación; os proxectos enviados a contratación, como a reurbanización da rúa García Lorca; e as obras que se están executando, como as actuacións de accesibilidade en diversos puntos da cidade, o reacondicionamiento da contorna da dárse de Xoan XXII.
En resposta a Compostela Aberta, sinalou que os Fondos EDUS estánse exectuando, polo que lle pediu a súa voceira “que non xere alarmismo innecesario” “Case 20 actuacións no último ano”, sinalou. “Qué fixeron vostedes?”, pregunto, “Nos, traballar”.
Mocións
Nas tres primeiras mocións, que se debateron conxuntamente, o PSdeG abstívose. Referíanse a distintas melloras na zona de Aba do Predroso, entre elas a senda peonil de Figueiras. O concelleiro de Medio Rural explicou as actuacións que está previsto facer e as que xa se están acomentendo. Entre as primeiras, o pintado do paso de peóns na estrada provincial DP 7803, ou limpeza e acondicionamiento da parada de buses. Estase estudando, sinalou, no caso de que sexa necesario, un incremento nas frecuencias de recollida de lixo. E engadiu, terase en conta, na nova licitación do contrato do alumeado, a mellora e o aumento dos puntos de luz. Polo que respecta á limpieza de fincas, estáselle comunicando os titulares. Tamén se está contemplando a posiblidade do colocar unha zona de aparcamento ao pé da marquesiña que se atopa ao pé do vial da Deputación na entrada aos Asidros, “pensando, sobre todo, en persoas de mobilidade reducida”. Sobre a rexeneración de pavimentos acometerase, sinalou, “ao longo do mes de xaneiro se a climatoloxía o permite”.
Polo que respecta á senda que conecta o Carme de Abaixo con Figueiras, informou que o prego de licitación foi subido á plataforma de contratacióin do sector público o pasado día 15 de decembro. Explicou José Manuel Pichel, que se mantén o vial tal cual está e que “se procederá a construcción dunha senda de 2,8 metros, dos que un metro será de beira vía e 1,8 metros de senda”.
O Grupo Municipal Socialista respaldou a moción para impulsar un Plan Municipal de Xuventude e unha convocatoria de proxectos para desenvolvelos no Centro Xove da Almáciga. Na súa intervención, o concelleiro de Mocidade, Rubén Prol, confirmou a recepción dunha subvención para este centro de 250.000 euros, procedente de fondos europeos. “A primeira vez que se piden, e a primeira vez que se nos conceden”, sinalou.
O Grupo Municipal Socialista abstívose nos dous puntos da moción número cinco. O primeiro para axilizar os prazos para as necesarias obras de acondicionamiento da praza da Nosa Señora da Mercé de Conxo; para o que hai un orzamento, segundo explicou o alcalde Sánchez Bugallo, de 400.000 euros, que xa están reservados. Inclúen, explicou o saneamento da fervenza, que xa está feito, o arranxo da praza, “do que estamos á espera de que nos entreguen o proxecto”; e a “actuación de conexión de continuidade do proxecto que se executou para superar a zona da rotonda ocupando os terreos previstos na zona do PERI de Conxo, facendo unha zona verde e un espazo de descanso”. Antes, o concelleiro Gonzalo Muíños, aclarou que o pasado 19 de novembro houbo unha reunión coa veciñanza na que se lle explicara todo o relativo a este proxecto.
Polo que respecta ás obras de integración paisaxística no Barrio de Conxo, en concreto as actuacións levadas a cabo na Praza Aurelio Aguirre pola Xunta de Galicia, tanto o alcalde como Gonzalo Muíños foron claros: en canto non se subsanen as deficiencias detectadas non serán aceptadas nin recepcionadas polo concello.
A moción para que o concello de Santiago e a Xunta de Galicia atendan e solucionen varias urxencias no CEIP López Ferreiro foi aprobada por unanimidade, en concreto a reparación das goteiras no espazo do comedore escolar. O concelleir Rubén Prol, que presentou unha emenda transaccional para que as dúas administracións aborden conxuntamente o problema, explicou que se trata dunha obra que “non é conveniente facela en inverno”, xa que o problema non “se subsanaría cunha actuación de conservación e mantemento. Trátase dun investimento, xa que habería que cambiar a cuberta, e isto é competencia da Xunta e asi se lle trasladou á xefatura territorial” coa que afirmou, se mantiveron conversas sobre este tema.
A que non acadou unanimidade, foi a moción conxunta presentada polo Grupo Municipal Socialista, Compostela Aberta e o BNG, en apoio da campaña da Iniciativa Lexislativa Popular “Esenciais” para a regularización extraordinaria das persoas migrantes no Estado Español, co obxectivo de colaborar na súa difusión, promover a concienciación popular e apoiar a recollida de sinaturas. O PP abstívose.
Ademais dese apoio a campaña da ILP, o Grupo Municipal Socialista, xunto a Compostela Aberta e o BNG, tamén acordou apoiar o texto articulado do proxecto de Lei que establece unha regularización extraordinaria para os e as estranxeiras; trasladar o acordo plenario á Plataforma “Esenciais”, á Presidencia do Goberno de España, ao Congreso e ao Parlamento de Galiza; promover o compromiso do Concello de Santiago de Compostela cos dereitos e liberdades das súa veciñanza e coa loita por unha cidade e unha sociedade máis xusta, equitativa inclusiva e democrática; e difundir esta moción entre a cidadanía.
Defendeuna a concelleira de Políticas Sociais. Mila Castro sinalou que “a iguadade de dereitos da cidadanía forma parte da igualdade de dereitos das persoas, que se xeran co nacemento”. Lembrou que os impactos das crises son “especialmente virulentas para este colectivo”. “O mercado de traballo deficitario impídelle beneficiarse das capacidades e méritos que non están recoñecidos. Capacidades que poderían axudar a impulsar a economía, en sectores como a restauración, onde, como está acontecendo en Santiago, se está dando escaseza de man de obra”.
A concelleira arremeteu contra “o discurso criminalista” dalgúns grupos de extrema dereita. “Hai que rexeitar os bulos e plantarse ante quen se aproveita da situación de vulnerabilidade das persoas estranxeiras” afirmou.
A reforma migratoria, continuou, “busca resolver en parte estas condicións de desarraigo e a introducion dun novo mecanismo de arraigo por formación. E ún avance. Pero compre avanzar máis e mudar as polticias que provocan os fluxos migratorios e en materia de estranxeiría e de migración”. Para Mila Castro, cómpre “regularizar a situacion das persona migrantes dun xeito ordenado, algo probado que xa se realizou con éxito, vendo os bos resultados para as persoas migradas e a sociedade de acollida. En concreto, citou como un exemplo de boas prácticas a acollida de persoas refuxiadas procendentes de Ucraína: “o mellor exemplo de como se poden artellar medidas normativas para o acceso deses permisos de residencia en España que evitan situacións de vulnerabilidade”.
Por todos este motivos, finalizou, “ímonos sumar á cidadanía organizada que promoveu esta ILP, neste exercicio de decencia colectiva co compromiso de respectar a todos os seres humanos como persoas morais, libres e iguais”.