Entre os días 23 e 29 de decembro, o público familiar poderá gozar cunha ampla oferta de obras teatrais, como ‘La ratita presumida’, ‘La mona Simona’ e ‘Güela-Güela’
A programación de actividades polas festas de Nadal chega este venres 23 ao Fórum Metropolitano, que acollerá, ata o vindeiro xoves 29, o Festival de Títeres de Nadal, unha proposta cultural que abrangue cinco espectáculos orientados ao público familiar e, moi en concreto, aos máis pequenos e pequenas.
O calendario de obras dará comezo este venres (18.00 horas) coa compañía Tropos Teatro de Títeres, que interpretará ‘La ratita presumida’, unha obra de monicreques de “crochet”, de 45 minutos de duración. Patricia Arroyo e Guillermo Gil, integrantes da compañía, achegarán unha divertida versión do coñecido conto tradicional, repleta de cancións e ladaíñas infantís. A peza está ideada para o público familiar a partir de 3 anos.
Xa o luns 26 (18.00 horas), a compañía La Sonrisa del Lagarto ofrecerá ‘La mona Simona’, un espectáculo de sombras chinesas e monicreques, de 55 minutos de duración, no que Marli Santana e Ave Hernández representan a mona Simona, que, pendurada das pólas dun milenario baobab, agarda a chegada da alba para saudar o astro rei, o Sol. A obra está recomendada para o público familiar a partir de 5 anos.
Un día despois, o martes 27 (18.00 horas), será o momento de gozar coa compañía Teatro Marionetas Trécola e o seu ‘Saga, de Flin Havardr’. Durante 50 minutos, os máis pequenos coñecerán, a través dunha obra de marionetas de fíos e música en directo, a historia dun pastor que albisca nun sono as súas proezas como guerreiro. A peza está ideada para o público familiar a partir de 3 anos.
Os espectáculos do Festival de Títeres de Nadal terán continuidade o mércores 28 (18.00 horas) con ‘Chinchulina y el ruiseñor de la China’, de La Canica Teatro. Durante 45 minutos, e con monicreques de madeira e danzas de Oriente, Alba Vergne contará ás nenas e nenos a historia de Chinchulina, filla dun emperador chinés, que ao escoitar música perdía toda a súa timidez e poñíase a bailar por todo o palacio. Ao coñecer a tristeza, só o canto dun reiseñor azul poderá devolverlle a alegría, motivo polo que o emperador sairá na súa procura. A obra está ideada para o público familiar a partir de 4 anos.
Pechará o Festival de Títeres a peza ‘Güela-Güela’, de Galitoon. Chisco Casteleiro e Vicky Pérez protagonizan este espectáculo de monicreques no que Güilly, unha pequena cegoña, decide que xa é maior para levar un atado cun bebé. Porén, ao ser aínda pequeno e non poder seguir o ritmo da bandada, o resto das cegoñas non lle deixan. Un día, sen saber ben como, as cegoñas adultas esquecen un atado cun bebé moi peculiar. Aí comeza a historia de Güilly, pensada para o público familiar a partir de 2 anos. Será o xoves 29 (18.00 horas).
Como e onde mercar as entradas para os espectáculos
Os pases para os cinco espectáculos previstos teñen un prezo de 3 euros. Tamén se habilitou un abono familiar, con tres entradas para a mesma función, de 6 euros. No caso das entradas individuais, os pases para os menores de dous anos teñen un prezo de 2 euros.
Os pases xa están á venda a través da páxina web de Ataquilla, e tamén poden mercarse no despacho de billetes da praza de Ourense (L-V, agás festivos, de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30), así como no Fórum Metropolitano dende unha hora antes do comezo dos espectáculos, sempre e cando queden entradas dispoñibles.