Monday 25 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño adxudica en 160.930€ a mellora da estrada desde A Camba ata o límite con Moeche


Hai uns días tamén se adxudicou o proxecto do aglomerado e dunha nova senda peonil entre A Chabola e o Chao de San Cristovo

O Goberno local confía en que a situación atmosférica permita iniciar estas e outras obras ao longo do mes de xaneiro

A Mesa de Contratación do Concello de San Sadurniño rematou hai uns días o proceso de valoración das ofertas para a execución das obras de ancheado e aglomerado da pista principal que enlaza Ferreira con Moeche. Na licitación -cifrada en algo máis de 169.000 euros- admitíronse catro propostas, entre as que obtivo a maior puntuación a presentada por José No Mantiñán e hijos Construcciones S.A. comprometéndose a executar os traballos por un prezo de 160.930 euros. A empresa tamén resultou adxudicataria do proxecto de mellora da seguridade viaria entre A Chabola e o Chao de San Cristovo, onde ademais de renovar o firme da estrada tamén se construirá unha senda peonil.

A obra de maior importe finánciase cunha achega do Plan Adicional 02/2022 da Deputación da Coruña coa que se cubrirá o 100% do investimento necesario para reparar o principal eixo viario que une polo sur San Sadurniño e Moeche e, de feito, o concello veciño tamén está a piques de adxudicar as obras que se desenvolverán polo seu territorio.

Na banda de San Sadurniño a pista arranca no lugar da Camba, en Ferreira, e chega ao lugar de Vigo. Son 2.140 metros de distancia -a estrada que amañarán os dous concellos son 4 km- que nestes momentos teñen un firme irregular e un ancho que varía entre os 3,5 e os 4,5 metros. Tal e como se definiu no proxecto técnico asinado polo enxeñeiro Igor Vergara, tralas obras a pista alcanzará un largo medio de 5,2 metros e levará un novo pavimento aglomerado, máis uniforme e con maior capacidade de adherencia.

Porén, antes de botar a nova capa de rodadura, nos pregos técnicos indícase a necesidade de acometer a limpeza de gabias, a instalación de conducións de drenaxe en certos puntos e a construción de novas bases para colectores do lixo nos lugares que se vexan afectados polo incremento da largura da pista.

O contrato licitouse en 169.281 euros, ive incluído, e cun prazo máximo de execución de 4 meses. No procedemento público admitíronse catro ofertas presentadas por outras tantas empresas do sector, aínda que finalmente foi a de José No Mantiñán e Hijos Construcciones S.A. a que ofreceu condicións máis vantaxosas segundo os baremos establecidos nos pregos. O prezo final da obra -que se prevé iniciar en xaneiro- será, polo tanto, de 160.930 euros, ive incluído.

Obras tamén en San Cristovo
Alén da reparación da pista entre A Camba e o límite con Moeche, o Concello tamén vai levar a cabo con carácter inminente a mellora da seguridade viaria e peonil entre o Chao de San Cristovo e A Chabola. Neste caso trátase dun tramo de 575 metros con anchos variables que conecta a explanada da capela coa estrada provincial DP-7601.

En todo ese trazado botarase unha nova capa aglomerada que levará un largo fixo de 4 metros, engadíndolle pola banda esquerda unha senda para viandantes doutros 1,3 metros. Igual que noutras zonas do concello que xa contan con este tipo de infraestruturas, a senda deseñouse cunha lixeira caída para facilitar a evacuación da auga da chuvia e, ademais, tamén contará con sumidoiros e canalizacións soterradas con esa mesma finalidade.

Esta obra tamén se financiará co Plan Adicional 02/2022 da Deputación da Coruña. Orzamentouse inicialmente en 86.329,24 euros e no procedemento de licitación recibíronse catro ofertas. A ganadora foi a de José No Mantiñán e Hijos Construcciones S.A. por un prezo de 82.885 euros. De igual maneira agárdase que empece a executarse, se o tempo o permite, co arranque do ano 2023.

Tal e como comentou o alcalde, Secundino García, os proxectos que acaban de adxudicarse “teñen un prazo de execución de 4 meses, que consideramos un prazo de seguridade abondo para que veñan días enxoitos que permitan levar a cabo as obras sen retrasalas máis do debido”.

O rexedor lembra que durante este outono se adxudicaron varias actuacións -algunhas delas xa iniciadas e outras rematadas- para reparar arredor de 6,5 quilómetros de vías municipais, nuns casos con cargo ao POS+ e noutros Plan de Camiños da AGADER. Son o ensanche e pavimentación dos camiños de Vilar, Piegolongo, Penacastrelo, Vilarxá e O Furado; a pavimentación o Castelo-A Fraguela (xa rematada) e a reparación da estrada do Chao de San Cristovo -o resto do tramo non incluído no Plan Adicional-; e o paquete de reparacións contratado baixo a epígrafe “Pavimentación de camiños na Pereira, a Veiga, as Calvelas e Cornide”.

Con fondos integramente municipais -provenientes dos remanentes cos que pechou a conta de 2021- tamén se acondicionará a pista entre Vilarvello e Tiraz, levarase a cabo un proxecto conxunto de reparación de camiños en Ferreira, Igrexafeita e Naraío e tamén se amañarán pistas en Cornide, Os Currás, A Rubiña e A Castiñeira.