A Administración local investirá nesta intervención 180.000 euros, dos que 144.000 serán financiados cunha achega provincial
O Concello de Neda vén de sacar a contratación as obras de renovación das redes de saneamento e abastecemento de auga da rúa Xerardo Luaces. As empresas interesadas en optar ó contrato poden presentar as súas ofertas ata o 9 de xaneiro de 2023, e consultar a documentación na plataforma de contratación do sector público. A licitación prodúcese apenas uns días despois da sinatura do convenio de colaboración entre o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde, Ángel Alvariño, para financiar a intervención. Así, dos 180.000 euros nos que está valorada a actuación, a
institución provincial aportará 144.000, dando cumplimento ó compromiso adquirido polo mandatario provincial na súa última visita á localidade.
Cun plazo de execución estimado de catro meses, as obras levaranse a cabo nesta rúa de titularidade provincial, entre a estrada AC-115 e a DP-5503, dando servizo a vivendas da Muchiqueira, parte de Mourela Baixa, dos Castros e do Poulo.
Así mesmo, esta actuación permitirá tamén licitar as obras de renovación das redes de abastecemento e saneamento no Carreiro e no centro de saúde e Mourela Alta, contiguas a esta. Neste caso, cuns investimentos cercanos aos 62.000 euros e 71.000 euros respectivamente, e que o Concello sufragará con cargo ao Plan Único da Deputación.