Tras a pandemia, o confinamento e a post-pandemia, a Escola Oficial de Idiomas de Carballo celebrará o próximo xoves, 22 de decembro, o X Concurso de Doces “Nadaleños”. O concurso terá lugar na Aula 1 do Pazo da Cultura de Carballo ás 19:00.
O xurado do concurso estará formado por Luciana Mariani, experta en repostería, do establecemento carballés Arabela Atelier de Doces; María Martínez Veira, como representante do Pazo da Cultura;; Moisés de la Torre Sotelo, como representante dos profesores da escola; e Sara Andrade Martínez, que representa ao alumnado do centro. O xurado valorará o sabor, a presentación, a complexidade e a orixinalidade do doce.
Ás 20:00 darase a coñecer o fallo do xurado. Os premios que recibirán os gañadores serán vales doados pola Librería Brañas de Carballo. O gañador recibirá un vale regalo de 100€; o segundo e o terceiro clasificados, uns vales de 75€ e 25€ respectivamente.
O día da celebración do concurso terán lugar outras actividades:
IX Karaoke Nadalvisión, no que os alumnos competirán, individualmente, en parellas ou en grupo, cantando cancións nas distintas linguas do centro (alemán, francés e inglés). O primeiro premio será un vale de 100€ da FNAC; o segundo e o terceiro son dous lotes de produtos típicos alemáns, franceses e ingleses.
Sorteo dunha cesta do Nadal con produtos típicos dos países onde se falan as linguas estudadas no centro.
A Escola de Idiomas de Carballo leva xa varios anos desenvolvendo actividades culturais relacionadas coas linguas que se ensinan no seu centro, necesarias para que os alumnos poidan poñer en práctica os coñecementos adquiridos nas clases dunha forma lúdica e interactiva: as linguas estranxeiras son útiles para poder desenvolverse cando se viaxa ao estranxeiro ou en determinados ámbitos laborais, mais tamén para divertirse.