Friday 22 de November de 2024

Papá Noel e os elfos de Nadal comezan as súas visitas ao Pazo Municipal e aos centros cívicos da cidade


As visitas, que darán comezo este mércores 21, están abertas á cidadanía, con acceso de balde ata completar capacidade

O Centro Cívico da Cidade Vella acollerá, entre os días 22 e 23, os obradoiros infantís previstos inicialmente na praza de María Pita

Dentro da programación de actividades das festas de Nadal, o Concello da Coruña organiza desde este mércores 21 unha serie de visitas de Papá Noel e dous dos seus elfos, que recibirán os máis pequenos no Pazo Municipal de María Pita. Achegaranse tamén a oito dos centros cívicos da cidade.

As recepcións á rapazada en María Pita terán lugar desde mañá e ata a xornada de Noiteboa, os vindeiros días 21, 22, 23 e 24. Papá Noel e os elfos atenderán as nenas e nenos nos seguintes horarios:
● Mércores 21: De 17.00 a 21.00 horas.
● Xoves 22: De 17.00 a 21.00 horas.
● Venres 23: De 17.00 a 21.00 horas.
● Sábado 24: De 12.00 a 14.00, e de 16.00 a 18.00 horas.
En paralelo, e a través da Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá, desenvolveranse tamén as visitas de Papá Noel nos centros cívicos, contribuíndo a achegar o espírito de Nadal aos barrios da cidade.

Papá Noel percorrerá os centros cívicos dos barrios da cidade para escoitar os desexos e
atender as peticións da rapazada, aproveitando os obradoiros infantís de Nadal promovidos polo Concello en ditas instalacións. As localizacións, datas e horarios son as seguintes:

● Xoves 22 (Centros Cívicos de Visma, Sagrada Familia, Feáns, Santa Margarida): De 19.00 a 20.30 horas.
● Venres 23:
○ Centro Cívico de Santa Lucía: De 11.30 a 13.30 horas.
○ Centros Cívicos de Pescadores, A Silva, Artesáns: De 19.00 a 20.30 horas.
Os obradoiros infantís volverán a María Pita este sábado 24
Desde comezos de decembro, a praza de María Pita acolle diversos obradoiros infantís, con actividades ideadas para facilitar a conciliación familiar e con talleres orientados aos máis pequenos e pequenas.

Esta semana, os obradoiros infantís previstos o xoves 22 e venres 23 en María Pita trasládanse ao centro cívico da Cidade Vella. Os horarios son os seguintes:
● Xoves 22 (17.00 a 20.45 horas): Obradoiros de gomas de borrar, piruletas e centros florais de Nadal.
● Venres 23 (de 12.00 a 14.00, e de 17.00 a 20.45 horas): Obradoiros de grilandas e decoración de bolsas de agasallo.

Xa desde o sábado, día 24, e con vistas ás xornadas posteriores, os obradoiros infantís volverán á praza de María Pita, onde se instalará un novo posto destinado a acoller as actividades para os máis pequenos. No caso do sábado 24, terán lugar de 12.00 a 14.00, e de 17.00 a 19.00 horas, con obradoiros de agasallos de Nadal e origamis.

A inscrición para os talleres dos días 22, 23 e 24, ao igual que en sesións anteriores, pode tramitarse a través do teléfono 681 094 023 e tamén poderá levarse a cabo de xeito presencial nas propias instalacións do centro cívico da Cidade Vella e, xa o propio día 24, para os obradoiros previstos nesa xornada, no posto da praza de María Pita