A exposición manterase aberta ao público ata o mes de xaneiro
Baixo o título “O espazo máxico: 25 anos da revista Peonza”, o Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) acolle unha mostra conmemorativa do aniversario desta publicación de literatura infantil e xuvenil.
Trátase dunha exposición temporal que recolle elementos da literatura e o mundo das ilustracións xogando co baile das buxainas. Consta de 87 textos literarios onde aparece o peón, cada un acompañado por unha ilustración caracterizada por un estilo, unha técnica e unha interpretación e lectura persoal do texto.
O MUPEGA completouna cunha colección de 25 buxainas (doadas na súa maioría polo mestre Luís Ramas), de diferentes partes do mundo e tipoloxías, e que serven para dar a coñecer o papel histórico da buxaina nos xogos dos nenos e nenas en Galicia. Con esta mostra búscase recrear un espazo que, a partir da suxestión de mundos imaxinarios da literatura e das ilustracións, convide o encontro persoal coa lectura tendo como fío condutor as Buxainas.
A exposición permanecerá aberta ao público ata o mes de xaneiro en horario de martes a sábado de 10,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 20,00 horas. Así mesmo, os centros educativos interesados poden participar a través de obradoiros específicos.