E ademais poden levar algún dos premios de “Polo Nadal, consumo local”
Xente grande e pequena contan as horas que faltan para a Noiteboa e o Nadal, primeiras datas destas festas nas que é tradición recibir agasallos. Se ben o costume é relativamente recente -de Papá Noël empezamos a oír falar, polo menos no rural, a mediados dos 80-, en ningunha casa van faltar presentes a fin de semana que vén, xa sexan traídos pola versión comercial do San Nicolás ou polo carboeiro do Courel, último en incorporarse na cultura popular ao listado de subministradores máxicos de bos desexos e de todo tipo de obsequios materiais. Veña quen veña na noite do sábado para o domingo, as familias deben recordarlles que en San Sadurniño poden atopar practicamente todo o que precisen para encher as casas de ilusión. Ademais, eles -e incluso os Reis, se apuran- tamén poderán entrar no sorteo das fantásticas cestas da campaña “Polo Nadal, consumo local” 😉, cuxas rifas se entregarán até o próximo día 31 nos establecementos adheridos.
E é que o Concello de San Sadurniño, en colaboración cunha vintena de negocios locais, volveu poñer en marcha durante todo este mes de decembro a campaña de promoción do comercio e os servizos coa que se tenta fidelizar clientela e poñer en valor a calidade tanto dos produtos como da atención que ofrecen os establecementos de San Sadurniño.
Por iso, con cada compra que fagamos -ou fagan o Apalpador, Papá Noël ou os Reis- recibiremos unha rifa para entrar no sorteo de cestas cargadiñas de cousas, sobre todo alimentos elaborados de proximidade.
Nos establecemento entregarannos boletos de dúas cores distintas: por compras ou consumicións de ata 10€ de importe, papeleta azul para entrar no sorteo de tres cestas valoradas en 70€ cada unha; e po cada pago que supere os 10€, papeleta de cor rosa para o sorteo doutras tres cestas cheas de produto, nese caso valoradas en 140€.
Cantas máis compras se fagan en San Sadurniño, sexan do prezo que sexan, máis posibilidades hai de levar un destes fantásticos agasallos. Cada local dispón dunha urna ou caixa onde depositar as papeletas cos nosos datos e un teléfono de contacto para que o Concello poida avisarnos se ganamos algún dos premios, que se sortearán en público o día 4 de xaneiro ás 12:00h no salón de plenos. A entrega está prevista para o día 7 ás 12:00h na Casa da Cultura.
O sorteo e a entrega das cestas coincidirá cos dos lotes de produto de “Engalana o teu concello”, outra das propostas municipais para as festas na que se convida á veciñanza a decorar vivendas, negocios e espazos públicos. Cómpre lembrar que este venres 23 ás 14:00h finaliza o prazo para enviar as tres fotos das decoracións ao whatsapp 616 332 919 ou a agustin.perez@sansadurnino.gal.
Ah, importante, faltábanos por comentar cales son os establecementos participantes na campaña de promoción do comercio, a hostalaría e os servizos “Polo Nadal, consumo local”. Son 22: Agromuíño, Peluquería Santos, Peluquería Lucía, Peluquería Ángeles, Fisioterapia Sansastur, Clínica de fisioterapia da Penamoura, Clínica de fisioterapia Fisio-Che-Ben, Triscos e Fíos, Libraría Brétema, Supermercado Calvo, Cooperativa de Meirás (tendas de San Sadurniño e Naraío), Floristería La Feria, Maskotas, Mesón A Granxa, Supermercado Outeiro, Bar O Campo, Bar Eladio, Mesón Os Cazadores, Café Bar Atrium, Cafetaría DZINE III e Parrillada María Queira.
Con este listado tan variado, o Apalpador, Papá Noël e os Reis Magos de Oriente teñen moito onde escoller para abastecerse de agasallos, pero tamén para chegar ben guapos, coa musculatura tonificada e ben mantidos para o duro traballo que terán nos próximos días.