O curso desenvolverase entre o 19 de outubro e o 30 de novembro e terá un total de 25 alumnos, entre usuarios e supervisores desta modalidade a distancia
A partir do vindeiro 19 de outubro e ata o 30 de novembro, a Xunta, en colaboración co Goberno de Arxentina, impartirá un curso de formación en materia de boas prácticas no teletraballo, no que participarán 25 alumnos.
A Xunta realizou a selección do alumnado entre os 82 empregados que a día de hoxe contan con autorización para o desempeño do Teletraballo e os seus respectivos supervisores .
Todos os participantes teñen coñecementos en plataformas virtuais e deberán cumprir as tarefas que se lle asinen nos prazos establecidos, tendo total liberdade para organizar os horarios de acceso á plataforma.
O curso contará con cinco módulos: “Olladas sobre o Teletraballo e o Universo TIC”, “Lexislación Nacional e Internacional do Teletraballo”, “Boas Prácticas no Teletraballo – Experiencia YPF”, “Perfil do Teletraballador” e “Medio Ambiente e Teletraballo”.
Conciliación da vida familiar e laboral
A principios de 2014 a Xunta puxo en marcha na administración galega a posibilidade de que os seus traballadores e traballadoras flexibilizasen a súa xornada laboral e se acollesen á modalidade de teletraballo, sempre que ocupasen determinados postos e as necesidades do servizo o permitisen.
Ambas iniciativas reguláronse por primeira vez na nosa Comunidade a través dunha orde conxunta da Vicepresidencia e a Consellería de Facenda, que tiña por obxecto mellorar a conciliación da vida familiar e laboral dos empregados públicos autonómicos.
En abril de 2014 o Goberno galego e o Arxentino -a través do seu Ministerio de Traballo, Emprego e Seguridade Social- asinaron unha declaración de intencións que recollía a vontade de ambas partes de colaborar para facilitar o intercambio de información; promocionar experiencias, boas prácticas e metodoloxías de traballo; impulsar o desenvolvemento de estudios e informes conxuntos; e promover tamén a celebración de reunións, congresos, seminarios ou xornadas técnicas entre ambas Administracións
Posteriormente, co fin de continuar na senda da devandita colaboración, en abril deste mesmo ano formalizouse un Memorando de Entendemento entre ambas as partes con obxecto de concretar a colaboración a través de accións formativas. Para iso, deseñouse un curso “on line” e un foro virtual a través do cal distintos docentes plantexarán obxectivos, modalidades de traballo, bibliografía a analizar e fixarán parámetros de avaliación de coñecementos.