O espectáculo está recomendado para crianzas a partir dos 3 anos
A área de igualdade do Concello de Cabanas organiza para este venres, 23 de decembro ás 18.30h, unha xornada de teatro familiar, coa representación da obra “Coser e Contar”, da Compañía Charlatana. Está recomendado para crianzas a partir dos tres anos.
O espectáculo inicia a viaxe nun taller de costura, un lugar máxico aos ollos da nena protagonista, que escoita contos, coplas e cancións en boca da súa avoa, nai e tía, mentres traballan. Contos tan antigos como o oficio da costura. E así, puntada a puntada, percórrense mundo onde os fíos falan, as caixas de costura abren as portas da fantasía e os bastidores de bordar son ventás onde asomarse a historias prohibidas.
A obra “Coser e Contar” está protagonizada pola actriz Marta Ortiz, e dirixida por Brais Gutérrez. Nela atópase narración oral, música, teatro de obxectos e pezas enlazada polas coplas do Cancioneiro da Agulla. Unha homenaxe ás mulleres de mans sabias que foron as primeiras narradoras e transmisoras de coñecemento.