Saturday 16 de November de 2024

A Consellería de Cultura e Educación distribuíu 216.146 manuais a través do Fondo Público de libros de texto


O departamento educativo da Xunta de Galicia concedeu, ademais, 90.020 axudas á compra de libros para os cursos nos que se implanta a LOMCE e 1º e 2º de Primaria

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria distribuíu neste inicio de curso un total de 216.146 manuais a través do Fondo Solidario de libros de texto, que funciona este ano en 3º e 5º de Primaria e en 2º e 4º da ESO. O funcionamento do citado instrumento posibilita que as familias con rendas máis baixas e incluídas nos mesmos tramos que as axudas poidan dispoñer de libros de texto.

O Fondo Solidario que se constituíu nos centros educativos, tal e como se recollía na orde do 21 de maio de 2015, nutriuse dos libros devoltos polo alumnado que no pasado curso 2014/2015 recibiu axuda para a súa adquisición e tamén coas achegas e doazóns do propio alumnado, familias, ANPAs…, o que permitiu a distribución de todos os libros dispoñibles e incentivou a cultura da colaboración e da solidariedade, favorecendo a adquisición de hábitos cívicos e de convivencia, contribuíndo dunha forma positiva ao proceso educativo do alumnado, ademais de mellorar a eficiencia na xestións dos recursos públicos.

Cómpre lembrar que, ademais, a Consellería – a través dos centros de ensino- mercou os manuais necesarios para cubrir a todos aqueles os que, pola súa renda, debían estar cubertos polo programa de Gratuidade Solidaria. O número de libros comprados para este fin aínda non está contabilizado, xa que foron os centros os que de forma directa realizaron a xestión para axilizala ao máximo.

Axudas e vales de material
No referido ás axudas á adquisición de libros de texto, dirixidas este ano aos cursos de 1º e 2º de Primaria- nos que non é posible a reutilización- e a aqueles do ensino obrigatorio nos que se implanta a LOMCE (4º e 6º de Primaria e 1º e 3º de ESO); o departamento educativo da Xunta concedeu un total de 90.020 axudas. Delas, 927 son de 250 euros, 15.555 de 180 euros, 45.523 de 170 euros, 7.526 de 104 euros e 20.489 de 90 euros.

Así mesmo, xa se repartiron 81.043 vales de 50 euros para a adquisición de material escolar, unha liña dirixida ás familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 5.400 euros/ano por membro da unidade familiar.

Cómpre lembrar que, ademais das devanditas liñas de actuación -Fondo e axudas-, a Xunta facilita este curso o acceso gratuíto ao libro dixital, a través do proxecto E-Dixgal, a uns 6.000 alumnos e alumnas de 5ºe 6º de primaria e 1º de ESO.