Friday 22 de November de 2024

A Terraza, último tramo resolutivo e xudicial


Para Alternativa dos Veciños Sada é especialmente grave que Xunta e Patrimonio sementen dúbidas fronte a un hipotético traslado do edificio a outro concello.

Fomos o único partido que, no seu momento, reuniuse cos propietarios para tentar chegar a unha solución que beneficiase a todas as partes, pero ninguén nos apoiou, fomos os primeiros en reclamar na deputación da Coruña a urxente reparación da Terraza ante o seu evidente estado de deterioración e instamos o presidente da entidade supramunicipal a que realizase as xestións pertinentes para ese fin, fomos os únicos que organizamos unha manifestación para reclamar a súa rehabilitación, pero non nos escoitaron, e agora, no último tramo dunha reversión da concesión decretada e xudicializada, o único que resta é acatar a actual resolución do Ministerio de Transición Ecolóxica e as futuras sentenzas xudiciais.

A Alternativa dos Veciños Sada parécelle especialmente grave que A Xunta e Patrimonio non se manifesten con claridade e rotundidade no referente ao caso da Terraza sendo esta BIC e existindo para os BIC unha lexislación moi clara, e, doutra banda, teme que, ao non haber a día de hoxe, ningún proxecto aprobado de restauración do edificio, este, ao pasar a súa titularidade ao Estado, sexa pasto do abandono e a ruína que provoca a lentitude da burocracia, por tanto, seguiremos a reclamar a urxente rehabilitación da Terraza como obxectivo principal para que Sada conserve o seu emblema modernista e símbolo da súa identidade.