Sagrario Pérez incide en que a mellora das súas instalacións, a cualificación do seu persoal e a dotación de medios técnicos de última xeración permitiron lograr a excelencia deste organismo que vela pola calidade ambiental da Comunidade
O Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia cumpre 30 anos convertido nun “centro de referencia” que nutre de datos a universidades, departamentos autonómicos e diferentes entes, tal e como salientou a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, durante o acto de celebración do aniversario deste organismo.
Logo de incidir en que a súa posta en marcha supuxo un “antes e un despois”, a directora xeral lembrou que ao longo destes 30 anos a Xunta impulsou melloras nas instalacións das súas sedes da Coruña e Pontevedra, que, xunto coa cualificación do persoal e a dotación de medios técnicos de última xeración, permitiron lograr a “excelencia” deste Laboratorio á hora de velar pola calidade ambiental de Galicia.
Nesa liña, segundo avanzou Sagrario Pérez, o vindeiro ano 2023 licitarase -cun orzamento inicial estimado de máis de 780.000 euros- a obra de mellora da eficiencia enerxética da sede da Coruña para reducir o consumo de enerxía primaria non renovable nun 30%, como mínimo.
Durante o acto de celebración, no que estivo acompañada da secretaria xeral de Industria, Paula Uría; e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, Sagrario Pérez puxo en valor o traballo que desenvolve este Laboratorio realizando as análises necesarias para avaliar o estado químico das augas naturais e para dar a coñecer a composición do material particulado do aire ambiental e da auga de chuvia. Ademais tamén colabora coa Inspección Ambiental no seguimento dos plans de vixilancia ambiental definidos nas autorizacións ambientais integradas.
A maiores, cómpre lembrar que o Laboratorio realiza tarefas de vixilancia e control das emisións á atmosfera e tamén tramita as autorizacións de focos de emisión de instalacións que non fan emisións industriais, pero que realizan actividades incluídas no Catálogo de Actividade Potencialmente Contaminadoras da Atmosfera (Capca).