Do 19 ao 23 de decembro está aberto o prazo para anotarse no programa de conciliación e deporte Campa Nadal e na actividade de patinaxe para adultos e rapaces/as, que se desenvolverán do 2 ao 5 de xaneiro no pavillón da Xunqueira de San Valentín. As inscricións realízanse no propio pavillón en horario de 9:30 a 13:30h. Máis información nos teléfonos 981 492 804 e 981 340 366.
No marco da programación de Nada que organiza a Concellaría de Deportes, unha das propostas que salientan é o programa de conciliación e deporte Campa Nadal, que ofrece 20 prazas para cativada de 4 a 11 anos (feitos a día 31 de decembro de 2022). O custe da actividade ascende a 15,70€. O Campa Nadal desenvolverase do 2 ao 5 de xaneiro, de 10.00 a 13:30h, con todo tipo de xogos e actividades para os distintos grupos de idade: manualidades, multideportes, baile, música, contacontos, etc.
O Campa Nadal coincidirá no mesmo espazo e nos mesmos días, do 2 ao 5 de xaneiro, coas sesións de Patinaxe para persoas adultas e rapazada maior de 5 anos. Hai dúas quendas con 24 prazas en cada unha, a primeira de 11:00 a 12:00h e a segunda de 12:00 a 13:00h, distribuídas á súa vez en tres grupos desde iniciación ata técnicas avanzadas dependendo das idades e do nivel de coñecementos previos que se teñan. O prezo destes obradoiros ascende a 6,25€.