O novo director da Banda Municipal de Música da Coruña, Juan Miguel Romero Llopis, levou a batuta da agrupación ante un auditorio cheo
O Teatro Colón acolleu hoxe o concerto de Nadal protagonizado pola Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) e o Coro Cantabile, unha actuación gratuíta que forma parte da programación posta en marcha polo Concello para a celebración do nadal.
O concerto, que comezou ás 12.30 horas, foi distribuído en dous actos nos que houbo tempo para pezas exclusivamente instrumentais así como para interpretacións en conxunto das dúas agrupacións, que lles renderon homenaxe a clásicos musicais do Nadal como ‘A Christmas Festival’, de Leroy Anderson; ‘Wizard of Oz’, de James Barnes; e cancións populares nestas datas festivas, como ‘Paxariños que voades’, ‘Fum, Fum, Fum’, ‘Pastores Venid’, ‘Vinde, vinde’ ou ‘Noite de paz’.
O novo director da Banda Municipal de Música da Coruña, Juan Miguel Romero Llopis, levou a batuta da agrupación ante un auditorio cheo de público que gozou do repaso realizado pola banda pola música de nadal. Pola súa banda, María Keilin dirixiu no recital de hoxe o Coro Infantil e Xuvenil Cantabile, que nace da asociación que leva o seu mesmo nome, como un gran proxecto musical e social que integra a nenos e nenas, coa música clásica como fío condutor. Desde a súa fundación en 2002 convertéronse nun referente musical en toda Galicia grazas ao gran número de concertos e xiras que realizan tanto a nivel nacional como internacional: Viena, Salzburgo, Lisboa, Bolonia, Madrid ou Roma.
Ademais, os numerosos premios recibidos e a crítica avalan a súa traxectoria interpretativa e a súa técnica sonora e vocal.