— Desenvólvenos un total de 640 centros educativos co traballo de 7.424 docentes
— Trátase de iniciativas relacionadas coa saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio ou o medio ambiente, entre outros
Un total de 168.811 alumnos participan este curso nos diferentes programas educativos que a Xunta de Galicia integra no Plan Proxecta+. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publicou xa a resolución definitiva dos 640 colexios e institutos que toman parte das distintas iniciativas institucionais do Goberno galego no ano académico 2022/23, co apoio e traballo de 7.424 docentes.
Os centros implicados desenvolverán un total de 45 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, a normalización lingüística e os dereitos da infancia ou a mobilidade.
Tres deles incorporáronse este curso, en concreto AntarticLab CSIC, Mestres Gandeiros e Rede de Eco Hortas Escolares. AntarticLab CSIC é un certame de ideas innovadoras en instrumentación e ensaios científicos, dirixido a estudantes de Formación Profesional, organizado polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) coa colaboración da Consellería de Educación e o apoio tecnolóxico de Marine Instruments.
Mestres Gandeiros, desenvolvido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en colaboración coa Cooperativa A Carqueixa, está centrado en transmitir o coñecemento e as boas prácticas que a poboación rural está levando a cabo, como xestores da natureza e da paisaxe, mediante o emprego de técnicas de xogo, de sistemas de información xeográfica, do coñecemento das persoas e do contacto co territorio.
Rede de Eco Hortas Escolares, en colaboración tamén coa Consellería de Medio Ambiente e a través da Asociación Amigos da Terr, é un espazo de intercambio de coñecementos e experiencias dirixido a calquera centro educativo galego que teña en marcha ou queira iniciar una horta ecolóxica nas súas instalacións. A integración na rede implica actividades de horta e actividades de aula en temáticas directamente relacionadas.
Por número de centros participantes, o programa con máis número de centros integrados é Proxectos de vida activa e deportiva, que promove o incremento diario de actividade física que realiza o alumnado. A distribución por programas é a seguinte:
| Programas | Centros participantes |
| Proxectos de vida activa e deportiva (PVAD) | 310 |
| Aliméntate ben | 107 |
| Donas de si | 75 |
| Proxecto Ríos | 58 |
| Vexo veo Xacobeo | 53 |
| ProxectoTERRA | 47 |
| MeteoEscolas | 42 |
| Quérote+ | 32 |
| Por 365 días de respecto e igualdade | 31 |
| Mobilidade sostible e segura | 30 |
| Correspondentes xuvenís | 29 |
| Paisaxe e Sustentabilidade | 27 |
| Consumópolis | 26 |
| Apuntámonos a non beber | 26 |
| Aprendo programando | 21 |
| Mestres gandeiros | 21 |
| Recíclate con Sogama | 20 |
| Parlamento Xove | 20 |
| Nós tamén creamos! | 20 |
| Proxecto de innovación en dinamización lingüística | 20 |
| Protexe os animais | 19 |
| Clases sen fume | 17 |
| Naturézate | 16 |
| Voluntariado miúdo: Móvete! | 16 |
| Rapazas emprendedoras nas TIC | 15 |
| Galicons-net | 15 |
| O monte vivo | 15 |
| Proxecto didáctico Antonio Fraguas | 14 |
| Educación patrimonial | 14 |
| Salvavidas | 13 |
| Rede de Centros Escolares Solidarios | 11 |
| Fotografía en curso | 11 |
| Escola Verde | 9 |
| Pasaporte solidario | 9 |
| Fitofaladoiro | 9 |
| Activistas polo mundo que queremos | 6 |
| Rede de Eco Hortas Escolares | 5 |
| Protexe o teu medio | 5 |
| Xente con Don | 4 |
| Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional | 4 |
| Cinema en curso | 4 |
| AntarticLab CSIC | 4 |
| De Ítaca a Ávalon | 2 |
| Moitavista na Escola | 2 |
| Educación en dereitos da infancia e cidadanía global | 1 |
O Plan Proxecta+ ofertouse por primeira vez no curso 2012/13 con 18 programas e desde entón incorporáronse novos programas e aumentou de xeito constante o número de colaboración con outras consellerías e institucións, ata chegar aos 45 actuais.

