Saturday 16 de November de 2024

A Casa Museo Picasso acolle este Nadal unha nova edición dos Campamentos Infantís Picassianos para dar a coñecer a infancia do artista na cidade


As sesións, destinadas a rapazas e rapaces de 6 a 12 anos, serán de balde, baixo inscrición previa e ata completar a capacidade. Comezarán o vindeiro venres 23

As pequenos e pequenos, que poderán gozar con diversas actividades culturais e científicas, crearán o seu propio xornal e dotarano de contido, ao igual que fixo Picasso sendo un neno, á súa chegada á Coruña

O Concello e a Asociación da Prensa da Coruña organizan durante as vacacións escolares de Nadal unha nova edición dos Campamentos Infantís Picassianos, unha iniciativa que, de forma didáctica e amena, achega aos máis pequenos os comezos e a eclosión creativa do artista Pablo Picasso nos seus anos de
infancia na cidade.

Os campamentos, que terán lugar na Casa Museo Picasso, están orientados a nenas e nenos en idade de 6 a 12 anos. A asistencia aos talleres será de balde, e o prazo de inscrición xa está aberto, a través do enderezo de correo electrónico ludidactica@gmail.com.

O contido dos obradoiros céntrase, moi especificamente, na elaboración dun xornal que servirá para que cada menor participante nos talleres deixe unha crónica das súas experiencias nos Campamentos Infantís Picassianos, dando a coñecer os seus gustos e hobbies, así como a súa visión da cidade.

Esta proposta homenaxea os anos de estadía de Picasso na Coruña, cando o artista, sendo un neno, creou un xornal no que redactaba novas ilustradas cos seus debuxos, contándolle á súa familia, asentada en Málaga, as súas vivencias diarias. No seu xornal, Picasso ía describindo as súas curiosidades e sensacións sobre A Coruña, unha cidade na que era case un recén chegado.

Neste sentido, e ao igual que fixo Picasso nos seus anos de nenez, cada pequena ou pequeno que tome parte nos Campamentos Infantís Picassianos poderá poñer a proba o seu talento creativo dándolle nome ao seu propio xornal, deseñando o título e dotándoo de contidos. Para isto, o Concello e a Asociación da Prensa da Coruña idearon diversas actividades que achegan a rapazada ás artes plásticas (debuxo, pintura, fotografía, escultura, narrativa, teatro, música e ciencia), priorizando o componente lúdico das actividades para o gozo das nenas e nenos.

O calendario dos Campamentos Infantís Picassianos é o seguinte:
● Campamento 1: Día 23, en horario de mañá (11.00 a 13.30 horas).
● Campamento 2: Día 23, en horario de tarde (18.00 a 20.00 horas).
● Campamento 3: Días 27, 28, 29 e 30, en horario de mañá (11.00 a 13.30 horas).
● Campamento 4: Días 27, 28 e 29, en horario de tarde (18.00 a 20.00 horas).

Vixésimo aniversario da Casa Museo Picasso

Hoxe, domingo 18, cúmprense vinte anos da apertura da Casa Museo Picasso, unha instalación municipal pertencente á rede de Museos Históricos da Coruña e na que o artista viviu entre os anos 1891 e 1895, na súa nenez na cidade.

A Casa Museo Picasso, localizada na rúa Paio Gómez, 14, está decorada con diversos fondos documentais e artísticos vinculados a Picasso, abertos ás visitas de martes a sábado, en horario de mañá (11.00 a 13.30) e de tarde (18.00 a 20.00), así como os domingos e festivos (12.00 a 14.00).

No contexto das actividades conmemorativas programadas polo Ano Picasso, o Concello daCoruña ten prevista a rehabilitación do primeiro piso da Casa Museo Picasso. O obxectivo é a creación dun centro de interpretación onde poder coñecer a vida e obra do pintor na súa etapa coruñesa.