Máis de 220 persoas, entre adultos e rapazada, percorreron os 10 quilómetros entre Portobravo e San Xusto de Toxosoutos
Máis de 220 persoas participaron esta mañá na Andaina Solidaria e Belén de Cumes en Lousame. Unha iniciativa organizada polo Concello de Lousame, en colaboración coa Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH), e cuxa recadación foi integramente para a Obra Social de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela: 1.457 euros.
A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, foi un dos integrantes da corporación municipal que se sumaron a este evento e aproveitou tamén para agradecer a colaboración de empresas como Atmósfera Rekord Sport, Kairós, Eme Sports, Autos Comparado e Churrería Rafa coa iniciativa, de modo que todos os cartos das inscricións e das doazóns solidarias poderán ser entregadas integramente “para investigación e realización de actividades para os nenos e nenas beneficiarios da Obra Social de Pediatría do CHUS, que precisan da nosa axuda”.
Dez quilómetros pola beira do río
O tempo acompañou e iso tamén animou á participación de moitas persoas. Dende veciños e veciñas de Lousame, Noia, Porto do Son e doutros municipios da contorna, ata un pequeno grupo de persoas maiores chegados de Betanzos. Tampouco faltaron á cita clubs como Trabandainas ou Sachacamiños, así como moitos peludos que tamén se sumaron á andaina.
Os camiñantes saíron con quince minutos de atraso da praza do Concello de Lousame, debido a que tiñan que recoller o correspondente dorsal. A técnico municipal Mayte Sobradelo, que se encarga das visitas guiadas polo municipio, foi quen encabezou a camiñata, a un ritmo de 5 km/hora. Os camiñantes saíron cara a área de lecer de Brandia, onde coñeceron as ruínas da papeleira, e despois seguiron a ruta do río Vilacoba ata Fontán, dende onde se desviaron ata San Xusto de Toxosoutos. Un fermoso percorrido a carón do río no que desfrutaron de ata tres fervenzas.
Unha vez en Toxosoutos, montaron o tradicional Belén de Cumes, un típico Nacemento con figuras de gran tamaño que cada ano se adoita montar nunha igrexa dunha das parroquias do municipio. Así mesmo, repuxeron forzas cun chocolate con churros cortesía de Churrería Rafa. Ademais, alumnos e alumnas da escola de música interpretaron unhas panxoliñas para todas as persoas presentes, antes de emprenderen camiño de volta: desta vez comodamente en autobuses cedidos pola empresa Autos Comparado.
Así mesmo, dende o Concello de Lousame agradecen a colaboración unha vez máis do servizo municipal de Voluntariado, Protección Civil de Lousame e Cruz Vermella de Noia.