Saturday 16 de November de 2024

A Xunta destaca a aposta que Granisa fai pola innovación, a internacionalización e o aforro enerxético


— O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou esta semana as instalacións da empresa no Porriño que este ano está facendo un esforzo en materia de renovables e eficiencia

— Lembra o compromiso do Goberno galego co sector a través da Axenda Galega da Minaría Sustentable

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou esta semana no Porriño, durante unha visita a Granisa, a aposta que realiza esta empresa pola innovación, a internacionalización e o aforro enerxético.

Neste sentido, a Xunta de Galicia apoiou nos últimos anos diferentes proxectos tecnolóxicos da firma, accións de promoción exterior e, este mesmo ano, concedéronse axudas para que as instalacións conten con 495kW de autoconsumo e para a substitución de maquinaria de corte de granito que lle permitirá aforros enerxéticos anuais do 60% con respecto ao consumo inicial.

Granisa, con máis de 20 anos de traxectoria na elaboración e transformación de rocha natural, atópase en plena fase de expansión e modernización continua nun sector no que Galicia é lider a nivel nacional.

Na súa visita, Conde lembrou que a Xunta vén de presentar, en consenso co sector, a Axenda da Minaría Sustentable de Galicia, na que se prevé investir 32M€ ata 2024 co obxectivo de consolidar esta industria como aliada estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor do tecido galego. Para logralo basearase en tres obxectivos estratéxicos: a modernización do sector de xeito sustentable, o fortalecemento do talento humano e a responsabilidade social, así como acadar a integración ambiental o impulso da economía circular e a posta en valor do patrimonio.