O vicepresidente e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiron ao Aniversario da Obra Social OSPAÑA, que se celebrou no Club Español
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu o labor da Obra Social OSPAÑA, que atende en materia sanitaria a un gran colectivo de galegos e españois que residen na Arxentina.
O vicepresidente e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiron ao Aniversario da Obra Social OSPAÑA, no Club Español, onde o vicepresidente felicitou á entidade polo seu octavo aniversario. Ademais, destacou que a atención sociosanitaria que reciben os nosos emigrantes é unha prioridade para o Goberno galego e por iso non se vai permitir que ningún galego residente no exterior teña que renunciar a disfrutar duns servizos sociais básicos por falta de recursos.
Segundo relatou o titular da Vicepresidencia, Ospaña é un instrumento esencial para garantir o dereito á saúde dos españois que viven no pais andino, ademais de ser unha garantía de confianza e seguridade para o conxunto dos inmigrantes españois e das súas familias que buscan acceder a un servizo de saúde cas máximas prestacións. Boa proba do seu traballo, dixo, é que conta con máis de 40.000 afiliados, a meirande parte pensionistas españois non contributivos que residen alí.
Ospaña está levando a cabo alianzas estratéxicas para poder chegar a un segmento de poboación máis amplo e especialmente aos sectores máis desfavorecidos e vulnerables dentro da colectividade española en Arxentina. Rueda ofreceulles o apoio do Goberno galego para cumprir este obxectivo, xa que a Xunta está comprometida co benestar e cos servizos sociais de igual maneira en Galicia coma na quinta provincia.