O vicepresidente, Alfonso Rueda, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Ródriguez Miranda, participaron na celebración do “Bos Aires Celebra Galicia”
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiron aos actos da celebración do “Bos Aires Celebra Galicia”, que un ano máis congregou á colectividade galega ao longo da Avenida de Maio bonaerense.
Na súa intervención, Rueda destacou a vontade de Galicia e Arxentina de proxectar cara ao futuro o seu sentimento de pertenza mutua e agradeceu ás comunidades galegas que fan posible este día a súa participación e colaboración.
“Hoxe, por segundo ano consecutivo, a esta gran avenida -a Avenida de Maio- cóbrese de cor azul e branca, como a nosa bandeira, e de cultura, tradición, sabor e música galega, destacou Rueda. “Isto é celebrar Galicia no centro de Bos Aires como Galicia merece”.
O vicepresidente tamén agradeceu ao Goberno da cidade de Bos Aires que lanzara esta iniciativa para que as comunidades de outros países que residen na cidade teñan a oportunidade de render homenaxe á súa terra natal. “Unha delas, cónstame que das máis enraizadas, activas e unidas é a galega”, destacou, xa que o grupo de inmigrantes e descendentes de emigrantes galegos senten Galicia máis preto que nunca, pese a distancia.
Segundo relatou Alfonso Rueda, somos un pobo que sempre mirou para a fronte para o mundo da universalidade e foi a emigración quen borrou as nosas fronteiras e nos deu unha quinta provincia ao outro lado do Océano Atlántico.
No marco da celebración, entregáronse as medallas aos participantes no programa “Conecta con Galicia 2015”, onde Rueda agradeceu aos mozos descendentes de emigrantes galegos o seu interese por seguir mantendo vivo o amor e o respecto por Galicia.
O programa da Xunta “Conecta con Galicia”, contou con esta edición con 174 mozos e mozas de países como Arxentina, Uruguai, Venezuela, Brasil, Cuba e Perú, todos eles descendentes de galegos e, como subliñou o vicepresidente “portadores dun anaquiño de Galicia”.