O primeiro mes de Goberno tránsfuga deixa a Sada nas antípodas do que debería ser un Goberno municipal democrático.
Salvo a publicación no BOP da retribución económica do persoal de confianza, pouco máis se sabe da acción de goberno dos tránsfugas sadenses. Ningunha disposición publicada no DOGA nin no BOP en canto a contratos, licitación, licencias, etc, e no referente os asuntos que dicían ían desbloquear, a pista de patinaxe segue no abandono, a piscina municipal sen data de apertura e cos cristais cheos de grafitis, as concesións públicas en precario, a maleza invadindo entornos de grande valor turístico coma as escaleiras ou o Castelo de Fontán, o servizo de bibliotecarios na biblioteca municipal inenterrompido polas tardes e con horarios pouco ou nada accesibles para os usuarios, o acendido do Nadal máis tarde que no goberno anterior e a comezos da semana laboral, a transparencia nula, talante ditatorial con respecto ós locais que lles corresponden a oposición, etc, etc.
Sada non merece unhas dedicacións “a porcentaxes” nin dedicacións plenas de incompetentes, e o máis grave, é que tampouco merece ser exemplo das peores prácticas que se poden dar en democracia nin da grave crispación social que o transfuguismo xerou na sociedade sadense.
As mocións de censura son mecanismos democráticos e lexítimos cando son respaldadas polos partidos que se presentaron ás eleccións e, ademais, son mecanismos construtivos e continuístas onde non se comeza de cero, se non, que, o Goberno continúa sen verse paralizado, máis, no caso de Sada, a moción de censura, segundo declararon os tránsfugas, fíxose por un grupo de persoas, libres e “independentes dos seus partidos”, aínda que a hora de cobrar salarios e ostentar cargos desdícense para manter unha situación insostible. Unha imaxe, a ofrecida por este goberno transfuga, que Alternativa dos Veciños Sada, califica cando menos de “deprimente”.