Monday 25 de November de 2024

O Concello pobrense instaura un patrocinio co Puebla F.C.


O Concello da Pobra do Caramiñal reforza o seu apoio ao deporte local coa sinatura dun novo contrato de patrocinio, nesta ocasión, co Puebla F.C., por un importe de 6000 euros. Vincúlase así a imaxe do municipio co club ao tempo que a Administración local axuda economicamente no desenvolvemento da súa actividade.

Este convenio é froito da extensa e fecunda traxectoria da entidade, ademais do seu compromiso na promoción do fútbol, segundo relata a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra). Engade que a acción do Puebla F.C. abrangue máis dun cento de mozas e mozos de toda a comarca e na tempada 2022-2023 conta cun equipo benxamín masculino, dous do tipo alevín masculino, un infantil masculino, un cadete masculino, un xuvenil masculino e dous do tipo sénior masculino (un A en primeira rexional e un B na terceira rexional). Así mesmo, participan en diferentes competicións que contribúen a divulga-lo nome da localidade.

O presidente do club pobrense, Nelson Barreiro, xunto co director deportivo, José Francisco Cores, indica que esta achega permitirá sufragar gastos da actual tempada e agarda que teña continuidade nas próximas. Tamén adianta que o vindeiro ano será especial, pois en xuño é o 50.º aniversario.

Por último, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), explica que o modelo publicitario garante maior difusión da imaxe do municipio nos distintos torneos en que se involucra a sociedade deportiva perceptora. Apunta, tamén, que esta vía se executa de maneira complementaria ás subvencións en concorrencia competitiva que outorga o Concello.

A entidade comprométese cunha serie de obrigas, entre elas, a inserción do logotipo da Área dos Deportes nun lugar visible do equipamento oficial e a participación e colaboración en actividades municipais relacionadas co deporte e campañas de sensibilización e concienciación social.