Saturday 16 de November de 2024

Inés Rey: “Cos cabaliños de Méndez Núñez recuperamos un símbolo da cidade dándolles un novo valor social”


A clásica atracción, que volverá aos xardíns desde o próximo día 23, funcionará 181 días ao ano e dará emprego a persoas con enfermidades mentais

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá os cabaliños dos xardíns de Méndez Núñez, un símbolo da cidade restaurado e recuperado polo Concello. O Concello da Coruña, a través da Fundación Emalcsa, asinou un convenio coa Asociación Pro Enfermos Mentais da Coruña (APEM) para a explotación dos cabaliños, que volverán rodar polos xardíns como fixeron desde os anos 60.

Esta iniciativa municipal permitiu restaurar e por en valor esta atracción que estivo activa entre 1969 e 2002. Os cabaliños de fibra de vidro foron deseñados e construídos por Luis Mediero e constitúen “unha das atraccións máis simbólicas da cidade e dun alto valor histórico e sentimental para moitos coruñeses e coruñesas”, apuntou Inés Rey. A familia propietaria destas pezas cedeu 15 exemplares ao Concello para a súa recuperación a través dun proxecto social. Á súa vez, o Goberno municipal encomendou a APEM esta iniciativa a través da Fundación Emalcsa.

A maior parte dos postos de traballos que se crearán estarán ocupados por persoasdesempregadas con discapacidade, contribuíndo así á inclusión sociolaboral deste colectivio. Está previsto que os cabaliños de Méndez Núñez funcionen un total de 181 días ao ano, coa posibilidade de ampliar as xornadas en función da demanda.

A atracción volverá aos xardíns, no seu percorrido clásico entre o Palco da Música e a estatua de Daniel Carballo, o venres 23 de decembro. Estarán operativos durante períodos vacacionais, como este Nadal, e pontes e datas festivas, ademais de todas as fines de semana do ano. O horario da atracción será de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

“Levouse a cabo unha restauración minuciosa e delicada para manter a esencia destes cabaliños dos que gozaron moitas xeracións de coruñeses e coruñesas. Buscamos con esta iniciativa, ademais de contribuír á inserción laboral de persoas con diversidade funcional, volver a facer deste espazo un punto de encontro de veciños e turistas e que as futuras xeracións crezan montando tamén nestes carruaxes”, indicou Inés Rey.

A rexedora agradeceu a APEM e o seu labor como asociación na cidade. A Asociación Pro Enfermos Mentais constituíuse no ano 1980 por iniciativa dun grupo de familiares co obxectivo de facilitar a recuperación, adaptación e integración social e laboral das persoas con enfermidades mentais e prestar o apoio necesario ás súas familias.