Friday 22 de November de 2024

O Concello pobrense renova as fiestras do primeiro andar do centro de saúde


O centro de saúde da Pobra do Caramiñal continúa sendo obxecto de tarefas de adecuación. Nesta ocasión, o Concello focalizou a intervención na mellora da eficiencia enerxética do edificio coa substitución de preto dunha trintena de fiestras do primeiro andar.

Procedeuse así coa retirada das ventás anteriores, a colocación das novas e o embelecemento da súa contorna. Os traballos tiveron unha duración dun mes e concluíron na pasada semana. Ata o ambulatorio desprazouse a concelleira da Sanidade, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), para constata-lo resultado, ademais de manifestar que se agarda proseguir con máis tarefas mediante un novo convenio de colaboración coa Xunta de Galicia.

O labor foi executado por Ismael Gigirey por un importe que ascende aos 22 990 euros, IVE incluído.