Friday 22 de November de 2024

O BNG acusa a Ruiz Rivas de despedir irregularmente a profesorado do conservatorio de Ribeira


Ante o anuncio do Goberno ribeirense de prescindir do profesorado do Conservatorio encargado da Escola Municipal de Música, o Bloque Nacionalista Galego mostra o seu apoio ao profesorado do centro e denuncia o proceder “irregular” do goberno local.

O portavoz do BNG Luís Pérez Baral e a concelleira Cruz Rivadulla Márquez, compareceron para desmentir as declaracións do rexedor que argumentaba na falta de aprobación dos Orzamentos de 2022 a necesidade de prescindir dese persoal. “Aínda que se tiveran aprobado as contas do 2022, a día de hoxe estarían en prazo de exposición pública e, polo tanto, non estarían en vigor”.

Pérez Barral cualificou o asunto como de “extrema gravidade” pois supón “pasar tódalas liñas vermellas” ao asegurar que o alcalde “chega ao punto de prescindir de traballadores e traballadoras municipais co obxectivo de danar a imaxe dos grupos políticos que non aceptamos as súas chantaxes”.

Desde o BNG piden a rectificación desta decisión ao entender que o persoal público que presta servizos tan básicos para a poboación como o da Escola de Música -destinada á rapazada de 3 a 7 anos- “non pode sufrir o castigo dun alcalde incapaz de dialogar e chegar a acordos”.

Os nacionalistas aseguran que a lexislación garante a prestación dos servizos públicos e o pagamento das retribucións do persoal municipal, polo que advirten “se o Goberno local opta por atacar ao persoal municipal e deteriorar a calidade dos servizos públicos prexudicando á veciñanza, o BNG actuará en consecuencia”.

“Se aceptamos a falacia de que non hai cartos para pagarlle ao persoal do concello que presta servizos públicos para a veciñanza, tampouco pode habelos para pagar os 55.000 euros anuais que cobra o alcalde, os 70.000 euros que cobran os dous tenentes de alcalde ou os 25.800 doutra concelleira do Partido Popular” recriminou Barral.

Desde o BNG tamén lle piden, ao Goberno local, que “estea á altura do que precisa Ribeira e se centre en resolver os problemas que ten a veciñanza”. Barral finalizou recordando que seguen coa “man tendida para impulsar acordos que sexan positivos para a veciñanza” pero para iso aclaran que o goberno debe cambiar de actitude e estar disposto a dialogar.