O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, entregou esta mañá no Concello os diplomas correspondentes ao curso “Diploma experto profesional da UNED en comercialización de produtos da pesca e acuicultura”. O edil naronés recordou que unha decena de persoas realizaron esta acción formativa –programada en colaboración coa UNED e Fedepesca- enmarcada nun proxecto impulsado a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e da Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte.
O curso constou dun total de 400 horas formativas en liña e o alumnado que rematou obtivo 16 créditos ECTS. As sesións, divididas en oito módulos, impartíronse no primeiro semestre deste ano.
Pita recordou que a través desta convocatoria “tratamos de que o alumnado se especializase e actualizase os seus coñecementos sobre produtos relacionados coa pesca e a acuicultura na fase de comercialización”. Trala entrega dos diplomas o edil naronés felicitou aos alumnos e alumnas que remataron esta acción formativa e animounos a continuar formándose na materia e aplicar todos os coñecementos adquiridos.