Monday 25 de November de 2024

Neda regalará a próxima semana o seu calendario municipal á clientela do comercio e da hostalería locais


O almanaque deberá solicitarse na biblioteca de localidade, presentando un tícket de compra de negocios do municipio por importe mínimo de 10 euros

O Concello de Neda activa a próxima semana, no marco da campaña (RE)descubre Neda, unha acción promocional coa que premiará á clientela do comercio e a hostalería locais. Regalará 300 calendarios de sobremesa, ilustrados coas imaxes gañadoras do concurso fotográfico convocado recentemente, ás 300 primeiras que o demanden, e acrediten ter realizado un gasto mínimo nos negocios da vila.

Poderá obter este detalle quen realice, desde hoxe e ata o venres da próxima semana, un gasto mínimo de 10 euros no comercio ou nos bares, restaurantes e aloxamentos do municipio. Para iso, deberán presentar o seu tícket de compra na biblioteca municipal (Casa da Cultura), desde o 19 ao 23 de decembro, entre as 9 e as 13 e as 14 e as 20 horas. Os 300 primeiros consumidores que o fagan levarán o almanaque municipal.

Deste xeito, o Concello volve apostar, a través da campaña (RE)descubre Neda por vincular promoción turística e apoio a este dous sectores que dan vida ao municipio. Nesta liña, cómpre apuntar que aos autores/as das 13 imaxes que saen na publicación correspondéronlles outros tantos vales agasallo a trocar en negocios do municipio. Repartíronse deste xeito 700 euros.

O calendario pon en valor “o mellor de Neda” (natureza, paisaxes, patrimonio histórico…) contribúen así á difusión turística do municipio e lembrando aos propios veciños o moito e bo que hai na localidade. Dado que se trata dunha serie limitada, só se entregará un exemplar por persoa e tícket.