· Esta mostra encádrase dentro dos diferentes actos programados polo vixésimo aniversario da traxedia do Prestige.
· A exposición, titulada ‘Tralas pegadas de Man’, poderá visitarse do 29 de decembro de 2022 ao 31 de xaneiro de 2023.
· O xoves 29 de decembro haberá un acto de inauguración, con mesas redondas sobre o protagonista, música e unha ofrenda floral.
O Concello de Camariñas organiza unha exposición en lembranza dun dos seus veciños máis ilustres, Manfred Gnädinger, máis coñecido como ‘Man de Camelle’, co obxectivo de poñer en valor o seu legado no ano que se conmemoran os 20 anos do seu pasamento.
A mostra, que se encadra dentro dos diferentes actos programados nas últimas semanas polo vixésimo aniversario da traxedia do Prestige, estará no Museo de Man, situado en Camelle, e poderá visitarse do 29 de decembro de 2022 ao 31 de xaneiro de 2023.
‘Tralas pegadas de Man’, como se titula a exposición, fará un percorrido pola vida e obra do protagonista, facendo fincapé no que supuxo para el e para o seu museo ao aire libre a catástrofe do Prestige que inundou de chapapote as nosas costas. “Yo decir que esto no debe limpiarse nunca… ser episodio de la historia. Quedar así para que todos recordar quien es el hombre”, afirmaba Mänfred con rotundidade no seu momento.
O xoves 29 de decembro haberá un acto de inauguración da exposición, que comezará ás 11:00 e no que haberá música, coa actuación do Coro Municipal, unha ofrenda floral e unha mesa redonda na que participarán a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e diferentes asociacións (Már de Fábula e Retoque Retro) e persoas que coñeceron ao protagonista e que viviron a catástrofe do Prestige de cerca. Estará moderada por Andrea Serodio.