Antes da súa xira polos fogares de todo o mundo para deixar agasallos cos cales espertar no propio día do Nadal, o Papá Noel visitará A Pobra do Caramiñal para coñece-las crianzas do CEP Salustiano Rey Eiras, do CEP Pilar Maestú Sierra, da E.E.I. Fernández Varela, do Monte Carmelo e das unitarias do Vilariño, A Granxa e A Angustia.
Preto de 500 escolares dos referidos centros educativos da infantil e da primaria achegaranse ata o teatro cine Elma do día 19 ao 21 de decembro, en distintas quendas, para lle trasladaren en persoa todo aquilo que plasmaron nas súas cartas.
Haberá tamén sesión de contacontos e sacarase unha foto conxunta por grupo que se lles entregará como obsequio aos centros para o recordo.
Esta actividade enmárcase na programación deseñada para estas datas dende a Concellaría da Promoción Económica, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra).