Agárdase que o centro -integrado na rede de coworking da Deputación da Coruña- bote a andar no ano de maneira autoxestionada polas persoas usuarias en colaboración cos concellos
Deputación e Xunta destacan o valor do proxecto e reafirman o seu compromiso de seguir apoiándoo por medio de formación ou fomento do emprendemento vencellado ao sector primario
Nos dous cursos que se desenvolveron no verán e comezos do outono participaron 33 persoas e neste momento hai outras 43 en lista de agarda para próximos cursos
A Nave do Mercado de Moeche acolleu este xoves o acto oficial de clausura dos dous cursos impartidos até o momento no Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, nos que participaron un total de 33 persoas co obxectivo de formárense na preparación de conservas e zumes, ademais de aprenderen o manexo do equipamento dispoñible nas instalacións. No encontro entregáronse os diplomas correspondentes ás accións formativas, coa asistencia dunha representación de todas as Administracións implicadas no proxecto dun modo ou doutro: os concellos de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño, a Deputación da Coruña e a Consellaría do Medio Rural. Todas elas ratificaron o seu compromiso de seguir apoiando esta iniciativa pioneira na comarca, que agora, de cara ao 2023, ten marcada a prioridade de empezar a funcionar de maneira autoxestionada e de ofrecer máis cursos, para os que hai nestes momentos 43 persoas en lista de agarda.
O Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, situado no recinto feiral de San Ramón, é un proxecto promovido conxuntamente polos concellos de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño que ten como obxectivo converterse en espazo de referencia en toda a volta para a transformación e conservación de elaborados a partir de produtos da terra, como son as hortalizas, a froita ou o mel.
Trala remodelación da antiga nave dos queixos, e despois de dotar as instalacións de espazos axeitados e moderno equipamento (con financiamento municipal, da Deputación, da Xunta e dos fondos Leader do GDR Seitura 22), os concellos organizaron sucesivamente dous cursos de 62 horas dirixidos prioritariamente a persoas produtoras ou con vinculación co agro, de cara a ir formando un grupo de usuarias e usuarios estables que lle desen vida ao centro e que fosen collendo ritmo para empezar a transformar os seus produtos.
A convocatoria das accións formativas, a primeira financiada pola Deputación e a segunda pola AGACAL da Consellaría do Medio Rural, foi todo un éxito, xuntando un total de 33 participantes -16 e 17- e xerando unha lista de espera doutras 43 persoas interesadas en mellorar as súas competencias tanto nas técnicas de conservación como no manexo dos aparellos cos que conta A Fusquenlla. De feito, a capacitación no uso da maquinaria e nos protocolos de tratamento do produto desde que se recepciona ata que xa está elaborado é e será unha condición imprescindible para poder empregar as instalacións.
Neste sentido, o concelleiro de Desenvolvemento local de San Sadurniño, Manolo Varela, instou ao representante do Goberno provincial -o deputado José Ramón Rioboo- e ao Xefe da Área Ferrol-Betanzos da Consellaría do Medio Rural -Antonio Álvarez- a que achegasen “máis financiamento” para continuar desenvolvendo cursos. Un apoio “necesario” para darlle continuidade ao proxecto que tanto Rioboo como Álvarez se comprometeron a manter desde as súas respectivas áreas.
O responsable zonal de Medio Rural destacou o valor da iniciativa e o feito de que “houbese catro concellos que se puxesen de acordo para apostar pola transformación agroalimentaria e dinamizar o rural”, ademais de felicitar ás persoas participantes nos cursos pola súa “dedicación e interese”.
Na mesma liña tamén se pronunciou José Ramón Rioboo, responsable provincial da Área de Emprego, quen insistiu en que a Deputación da Coruña seguirá colaborando nun proxecto “que se identifica coa calidade dos nosos produtos, coa nosa terra e co noso modo de vida no entorno rural”. Rioboo lembrou, ademais, que A Fusquenlla forma parte da rede de espazos de traballo colaborativo da Deputación e que, nese marco, a intención do seu departamento é continuar proporcionando recursos “para máis formación ou para emprendemento”.
De cara a 2023, o centro de transformación agroalimentaria ten marcados dous obxectivos prioritarios. O primeiro é organizar a súa xestión, na que xa se leva traballando varios meses sobre un modelo de autoorganización onde sexan as produtoras e produtores quen se ocupen da levanza do día a día da Fusquenlla. Tal e como comentou Manolo Varela ao remate do acto de entrega de diplomas, a idea é “crear unha asociación que xestione o centro en colaboración cos concellos”. Trataríase, segundo Varela, “dunha fórmula na que os municipios asumiriamos os gastos fixos e a entidade os custes asociados ao uso que se faga das instalacións”.
O concelleiro mostrouse esperanzado, ademais, en que no proxecto se impliquen máis concellos da zona, posto que “hai persoas usuarias e na lista de espera para nova formación de todo o norte da provincia da Coruña”, explica Varela ao tempo que adianta a previsión de organizar dous novos cursos en 2023 para atender tanto as peticións rexistradas nos últimos meses como as que poidan producirse a partir de agora. Quen teña interese pode seguir anotándose no formulario dispoñible na portada da web do proxecto, afusquenlla.gal.
A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, referiuse tamén á posta en marcha do centro, “que non sería posible sen a unión dos concellos e sen o financiamento da Deputación, dos fondos Leader e da AGACAL”. “Son moitos pasos os que hai que dar e é difícil, pero é unha oportunidade e unha aposta real pola xente do rural”, dixo a rexedora. Bascoy reiterou a felicitación ás persoas participantes nos cursos celebrados durante o verán e comezos do outono e convidounas a sumarse cos seus produtos ao mercado que se desenvolve os sábados en San Ramón, “un mercado pequeniño pero que xa leva cinco anos funcionando con produto de proximidade”.
A anfitrioa do acto deste xoves, ao que tamén asistiu o alcalde de Valdoviño, Alberto González, quixo agradecerlles a Manolo Varela e ao técnico de Desenvolvemento local de San Sadurniño, Ignacio Fernández, que compartisen con Moeche a súa idea dun centro dedicado á posta en valor dos produtos locais. “Eles tiveron a idea e nós, que tiñamos un sitio para levala a cabo, sumámonos de inmediato xunto con Cerdido e Valdoviño, ademais do apoio fundamental da Deputación da Coruña e a colaboración de Medio Rural”, dixo Beatriz Bascoy antes de clausurar a entrega dos títulos.