A mostra abriuse hoxe ao público na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, coinciendo co 150 aniversario do falecemento da condesa de Espoz y Mina
A exposición pretende completar o perfil dunha muller capaz de transgredir as fronteiras culturais e de xénero dunha sociedade con criterios masculinos
Promove a mostra o Concello en colaboración coa Fundación Juana de Vega
Unha exposición tratará de amosar a vida, traxectoria e as facetas descoñecidas de Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina, incidindo na personalidade dunha muller que foi capaz de transgredir as fronteiras culturais e de xénero dunha sociedade marcada polos criterios masculinos.
A exposición, “Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872). Facer no século”, é unha mostra promovida polo Concello da Coruña en colaboración coa Fundación Juana de Vega. Desenvolverase na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, desde o 15 de decembro ata o 29 de xaneiro, coincidindo coa celebración do 150 aniversario do falecemento da ilustre coruñesa. O primeiro tenente de alcaldesa, Juan Ignacio Borrego, presidiu o acto inaugural da exposición xunto a Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega.
“Quizáis siga sendo demasiado descoñecida para moitos, como tantas outras mulleres da historia. Esas anónimas que non o deberan ser. Pero actos como o que hoxe estamos a levar a cabo, permítennos poñer en valor a unha muller que simboliza as virtudes da nosa cidade, progresista, liberal, solidaria, universal”, sinalou Juan Ignacio Borrego.