Friday 22 de November de 2024

O BNG pide depurar responsabilidades polo novo revés xudicial sobre a gasolineira de Xarás


O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego mostra a súa preocupación ante o que consideran “un novo revés xudicial” que dana a imaxe do Concello de Ribeira e pon en risco fondos municipais así como postos de traballo. “A xestión á hora de tramitar os permisos de instalación da gasolineira en Xarás non puido facerse peor” aseguran.

O BNG lamenta que a mala xestión realizada polo Partido Popular, tanto desde a Xunta como desde o Concello de Ribeira, estea poñendo en risco cartos públicos do Concello de Ribeira se a Xustiza decreta o aboamento dunha indemnización por mala praxe. Tamén destacan que as “presuntas” actuacións irregulares feitas polo Partido Popular poñen en risco os empregos das persoas que actualmente traballan nesa gasolineira porque a sentanza obriga a clausurar as instalacións.

O portavoz nacionalista, Luís Pérez Barral, asegura que o PP manobrou para conceder unha segunda licenza coa que pretenderon solucionar as irregularidades anteriores, cuestión que recrimina o tribunal aclarando de maneira explícita que “a licenza outorgada polo Concello ten a finalidade de eludir o cumprimento do ditame xudicial”.

“Esta nova sentenza demostra que se infrinxiu a lexislación e que as excusas do PP non son válidas”. Barral lembra que até o momento tódalas sentenzas xudiciais foron en contra dos pretextos esgrimidos polo alcalde, situación pola cal lle pide “depurar responsabilidades políticas de maneira inmediata” por danar a imaxe do Concello de Ribeira e poñer en perigo os postos de traballo e os cartos públicos.