Friday 22 de November de 2024

O Concello destina 311.144 euros a dotar de saneamento aos lugares de Sobrido, Carballo e Meixe na parroquia de Oleiros


Instalaranse 1.911m de tubaxes para entroncar coa rede existente

O Concello de Riveira procedeu á aprobación do proxecto técnico e do expediente de contratación das obras necesarias para a dotación de saneamento aos lugares de Sobrido, Carballo e Meixe, todos eles situados na parroquia de Oleiros.

O prezo de licitación ascende a un total de 311.144,74 euros e o prazo de execución son seis meses.

Os tres núcleos citados carecen na actualidade de rede de saneamento municipal, resolvendo os veciños a evacuación de augas residuais mediante fosas sépticas.

Dous estacións de bombeo
Ao longo dos últimos anos, o Concello ten realizado na parroquia de Oleiros sucesivas obras destinadas a dotar aos núcleos rurais de novas redes de saneamento. Continuando con este criterio, o proxecto técnico aprobado esta semana prevé a instalación dunha nova rede que entronque coa existente e que necesitará ademais, e dada a orografía do terreo, de dous estacións de bombeo.

Así mesmo, será preciso instalar ata 1911 metros de tubaxes para entroncar coa rede existente: 1.361 metros de tubaxe de PVC SN4 liso de 315 milímetros de diámetro e de 550 metros de tubaxe de polietileno de alta densidade, esta última para a impulsión do saneamento.

Deste xeito, a tubaxe de PVC recollerá as augas fecais das vivendas ata unha estación de bombeo en Sobrido (punto de cota máis baixa) e dende esta e cunha tubaxe de impulsión chegarase ata un pozo de nova construción situado no punto de cota máis alta que conducirá en tubaxe de PVC e por gravidade as augas fecais dende o lugar de Sobrido e pasando por Carballo, ata outra nova estación de bombeo situado en Meixe, nas inmediacións do río Arlés. Tamén se saneará o lugar de Meixe recollendo en tubaxe de PVC e por gravidade as augas fecais ata o pozo de bombeo deste lugar. De aí e con tubaxe de impulsión chegarase a un pozo de rexistro xa existente no lugar de Gándara.