Preto de corenta estudantes dos últimos cursos da primaria do CEIP Praia Xardín, de Boiro, a través do club de lectura, achegáronse neste 15 de decembro ata A Pobra do Caramiñal para asistiren aos itinerarios guiados que oferta o Concello para a divulgación da cultura e do patrimonio da localidade.
A xornada arrancou no Museo Valle-Inclán para coñeceren máis sobre a historia do inmoble, así como a vida e obra do escritor Ramón del Valle-Inclán. Posteriormente, unha das técnicas do Turismo ofreceulles unha ruta do patrimonio cultural, desprazándose a edificios históricos como a propia casa consistorial ou Villa Eugenia.
Como agasallo, fíxoselles entrega de exemplares de O meu bisavó, ademais de material de promoción do turismo.