Saturday 16 de November de 2024

Cabanas aborda a represión sobre as mulleres tras o golpe de Estado do 36


Montse Fajardo, técnica de memoria histórica na Deputación de Pontevedra, ofrecerá unha conferencia o venres ás 18.30h

A área de igualdade do Concello de Cabanas organiza para este venres 16 de decembro, ás 18.30h no Salón de Plenos, un coloquio sobre “A represión contra as mulleres tras o golpe de Estado” a cargo da técnica de memoria Montse Fajardo, no marco das actividades conmemorativas do 25N, Día para a eliminación da violencia contra a muller.

A charla aborda a represión vivida na Galiza tras o golpe de Estado do 36, e nomeadamente a sufrida polas mulleres. Elas foron as grandes esquecidas, malia ter recibido en moitos casos a mesma represión ca os homes (asasinatos, cadea, exilio…), e noutros castigos de índole especialmente machista, como a rapa, a inxestión de aceite de rícino, a tatuaxe ou a violación.

No transcurso do coloquio falarase destas distintas tipoloxías de represión, con exemplos dalgunhas das galegas que as sufriron. Ademais, defenderase a necesidade de ampliar o termo vítimas “ás que quedaron: nais, orfas, viúvas e mulleres que ademais de quedar sen o ser querido perderon tamén o principal sustento do fogar.

Ademais de tratar a represión, Montse Fajardo tamén falará de resistencia, e do papel das mulleres na supervivencia da guerrilla, fornecendo alimentos e roupas ás persoas fuxidas no monte ou aos presos.