— O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou no acto do 45 aniversario da Confederación Empresarial de Ourense
— Avoga por dar apoio financeiro ás empresas para reforzar a súa liquidez e solvencia, un obxectivo ao que se destinan 140M€ nos orzamentos da Xunta para 2023
— Destaca a firme aposta que está facendo Galicia por vincular o desenvolvemento das enerxías renovables aos grandes proxectos industriais previstos
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, resaltou hoxe no acto do 45 aniversario da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) o necesario labor de acompañamento ao tecido empresarial para mirar ao futuro con confianza e optimismo. Conde destacou o papel da Confederación Empresarial de Ourense como propulsora do desenvolvemento económico e empresarial da provincia, agradecendo a súa predisposición a colaborar coa Administración autonómica en diferentes iniciativas en beneficio das empresas ourensás, entre as que está o programa Conecta Ourense.
Na súa intervención, o responsable de Economía, Industria e Innovación do Goberno galego avogou por dar apoio financeiro ás empresas para reforzar a súa liquidez e solvencia. A este obxectivo destinaranse 140 millóns de euros nos presupostos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano, que tamén recollen 40 millóns de euros para que as pequenas empresas rompan o teito de cristal da innovación.
Conde destacou tamén a firme aposta que está facendo Galicia por vincular o desenvolvemento das enerxías renovables aos grandes proxectos industriais que a Comunidade ten en carteira, para impulsar a economía verde e circular e para garantir a cobertura das súas demandas enerxéticas. Tamén resaltou o apoio á implantación de renovables para favorecer o aforro e a eficiencia na subministración eléctrica. Entre as prioridades da Administración autonómica, tal e como apuntou o vicepresidente primeiro, está así mesmo velar por que as pemes teñan un lugar prioritario na asignación dos fondos europeos, e aliviarlles a carga burocrática na tramitación de novos proxectos, como se ten feito coa Lei de simplificación administrativa.