Sunday 24 de November de 2024

Ruxe Ruxe, A Banda da Loba e Berto encabezan os concertos polo 175 aniversario do Círculo de Artesáns


As actuacións terán lugar o sábado pola noite e o domingo ao mediodía na rúa San Andrés, a carón da sede da institución

O Concello da Coruña promove esta fin de semana unha serie de actuacións musicais ao fío da conmemoración do 175 aniversario do Círculo de Artesáns. Os concertos terán lugar na rúa San Andrés, xunto á sede da asociación, o sábado pola noite e o domingo ao mediodía e serán de balde.

O sábado 17 actuarán A Banda da Loba (21.00 horas) e Ruxe Ruxe (22.45 horas). Por outra banda, o domingo 18 será a quenda de Berto (13.30 horas). Ao finalizar a súa actuación, ás14.45 horas, haberá unha sesión de disc-jóckey a cargo de Peter DJ. A rúa San Andrés quedará pechada ao tráfico desde o sábado ás 07.00 ata o domingo ás 22.00 horas.

Estes concertos forman parte das iniciativas do Goberno de Inés Rey para conmemorar o 175 aniversario do Círculo de Artesáns, unha institución que se converteu nun punto de encontro para moitos coruñeses e coruñesas e para figuras relevantes da sociedade galega. Á súa vez, os concertos tamén forman parte da programación de Nadal organizada polo Concello da Coruña, que busca ofrecer plans de lecer para todas as idades.

O Goberno de Inés Rey continúa a amosar o seu apoio ao tecido asociativo da cidade. Ao fíodesta celebración tan especial, a alcaldesa anunciou a catalogación da biblioteca do Círculo de Artesáns e a creación dunha aula de estudo aberta ao público na sede da entidade. “O Círculo é unha das institucións máis senlleiras desta cidade e queremos coidar e dar a coñecer o seu patrimonio”, dixo Inés Rey.