Friday 22 de November de 2024

A exposición onde a imaxe e a palabra dialogan sobre o papel das mulleres ao longo da historia remata a súa estadía na Pobra


A mostra Nós somos elas centrou o apartado expositivo da axenda de actividades impulsada pola Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, que se conmemora no 25 de novembro.

Durante un mes permaneceu na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler; sala á cal chegou en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a área da Igualdade da Deputación da Coruña. A ocasión de visitala na localidade remata no día 15, en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.

A concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), xunto coa axente de igualdade, Carolina Rodríguez, explica que esta mostra se artella sobre a visión de vinte e catro poetas arredor de imaxes do Arquivo Vidal e que pon o foco nas mulleres, retratadas no seu ámbito privado e familiar, para visibiliza-lo seu papel na sociedade.

Instantáneas do pasado acompañadas de palabras do presente de Ana Romaní, Antía Otero, Berta Dávila, Chus Pato, Clara Vidal, Dores Tembrás, Eli Ríos, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Helena Villar Janeiro, Lucía Aldao, Lucía Novás, Luz Pozo Garza, María do Cebreiro, Marica Campo, Marta Dacosta, Medos Romero, Mercedes Queixas, Miriam Ferradáns, Olga Patiño, Pilar Pallarés, Rosalía Fernández Rial e Yolanda Castaño.