O anteproxecto abrangue a actualización da planta de clasificación, a optimización dos dixestores e a creación dunha nova zona de estacionamento e un edificio de vestiarios para o persoal da instalación
Ademais, a alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe a sinatura do convenio con APEM que propicia a recuperación do servizo de Cabaliños de Méndez Núñez como un novo motor para a inclusión laboral na cidade
A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe a aprobación do anteproxecto necesario para dar luz verde á licitación da xestión da planta de tratamento de residuos de Nostián, unha instalación con dúas décadas de percorrido que será remodelada e modernizada por primeira vez desde a súa posta en marcha, no ano 2002.
O anteproxecto foi aprobado na Xunta de Goberno Local que tivo lugar esta mañá en María Pita. Neste sentido, a Concellaría de Medio Ambiente e Sostibilidade estima en case 52 millóns de euros o investimento preciso para concretar a renovación de Nostián, que inclúe melloras nas infraestruturas de clasificación de residuos e tamén no referente ás áreas de persoal.
“A planta de clasificación de residuos será actualizada e tamén se incrementará a súa capacidade operativa, facéndoa máis eficiente. Ademais, optimizaranse todos os dixestores da instalación para obter máis enerxía limpa. E remodelarase, interiormente, a nave de compostaxe”, explicou a alcaldesa.
En paralelo, o anteproxecto inclúe a creación dunha nova zona de estacionamento que será exclusiva para os traballadores, así como un edificio destinado aos vestiarios do persoal.
“Pero a principal novidade, neste sentido, está na remodelación dos circuítos interiores, reforzando a seguridade e prevención dos empregados, garantindo un illamento con respecto ás cintas de transporte de residuos”, detallou Inés Rey. Para isto, Medio Ambiente contempla automatizar certos procesos coa idea de que o persoal da instalación atenda, máis en concreto, ás tarefas de control e menos ás de clasificación.
Ademais, o anteproxecto contempla tamén a posibilidade instalación de cinco contenedores: tratamento de residuos orgánicos; envases; outros restos; papel; e vidro. E, por outra banda, o anteproxecto suma a xestión dun novo punto móbil para a cidade.
“Este é o segundo paso administrativo relevante que damos despois do estudo de viabilidade para licitar o contrato. Tal e como comprometimos, coa aprobación deste anteproxecto seguimos a dar os pasos necesarios con vistas a licitar Nostián neste mandato”, subliñou a alcaldesa.
A recuperación dos Cabaliños dos Xardíns de Méndez Núñez
Tamén este mércores, a Xunta de Goberno Local aprobou a sinatura dun convenio coa Asociación Pro Enfermos Mentales da Coruña (APEM), que, a través da Fundación Emalcsa, permitirá a recuperación dos emblemáticos Cabaliños de Méndez Núñez para a posta en marcha dun proxecto de integración laboral de persoas con diversidade funcional.
Os cabaliños dos xardíns, unha das atraccións máis simbólicas da cidade, estiveron en funcionamento entre os anos 1969 e 2002. “Este Goberno municipal, coa colaboración da familia propietaria dos Cabaliños, aposta por volver a poñer en marcha aquel servizo, impulsando o potencial turístico da cidade e sumando un novo motor para a inclusión laboral na Coruña”, explicou Inés Rey.
Persoal usuario de APEM será o encargado de xestionar o servizo dos cabaliños, que xa estarán operativos nestas festas de Nadal. Nos vindeiros días, o Concello ofrecerá toda a información con respecto aos días e horarios de operatividade.
Licenza para a construción da residencia sociosanitaria de Eirís
Ademais, a Xunta de Goberno Local autorizou este mércores a concesión definitiva de licenza para a construcción da nova residencia de maiores de Eirís, unha instalación promovida pola Fundación Amancio Ortega que terá capacidade para 150 persoas usuarias.
“A concesión de licenza estaba pendente dos últimos trámites. Hoxe podemos anunciar que este é o paso definitivo para que a residencia sexa unha realidade”, dixo Inés Rey. A obra suporá un investimento de 10,7 millóns de euros para edificar a residencia no lugar onde, anteriormente, se atopaba a antiga gardería Virxe do Carme, unha parcela de case 10.000 metros cadrados de superficie. Os traballos, toda vez que sexan postos en marcha, terán unha duración de 36 meses.
“Quero agradecer á Fundación Amancio Ortega o seu investimento para instalar a residencia na nosa cidade, dando á Coruña máis capacidade para atender aos nosos maiores, un compromiso que o Concello comparte coa Fundación”, finalizou Inés Rey.
Reaxuste do polígono O29 na Sardiñeira
Dando continuidade aos asuntos relativos á área de Urbanismo, a Xunta de Goberno Local autorizou hoxe o proxecto de reaxuste da delimitación do polígono O29, na Sardiñeira, un trámite fundamental para avanzar nas obras da nova estación intermodal.
Este reaxuste foi aprobado na sesión plenaria de febreiro, no que se debateron asmodificacións precisas para acometer a construción da nova estación. Neste sentido, hoxe autorizouse o proxecto que revisa a delimitación poligonal da área afectada.
Por outra banda, este mércores tamén se concedeu licenza para a reforma do edificio no número 56 da rúa San Andrés, con vistas á implantación dun novo hotel, con categoría de catro estrelas e unha capacidade de 180 prazas, que implicará un investimento de 3,9 millóns de euros por parte de Smarttia, a empresa promotora do proxecto.
Melloras en equipamentos municipais nos barrios de Elviña e Eirís
A alcaldesa tamén detallou polo miúdo os novos investimentos nos barrios de Elviña e Eirís.
A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das obras de reforma do sistema de eficiencia enerxética no centro cívico de Elviña, cun investimento superior aos 550.000 euros. As obras, desde a súa posta en marcha, terán un prazo de execución de catorce semanas.
Ademais, hoxe autorizouse o proxecto de obra da nova pista de skate no parque de Eirís, que contará cun orzamento de 524.000 euros para remodelar e mellorar este recinto deportivo. As obras executaranse entre finais de ano e o vindeiro 2023.
O plan Conecta Coruña chega á UDC, a Lonxa e Cruz Vermella
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a sinatura de tres convenios que posibilitarán a adhesión da Universidade da Coruña, a lonxa da Coruña e Cruz Vermella ao proxecto tecnolóxico Conecta Coruña, unha iniciativa dotada con cinco millóns de euros, cofinanciada con fondos FEDER, que promove infraestruturas intelixentes e o uso do do ‘big data’ en máis de 200 edificios da cidade.
Baseándose nos convenios asinados hoxe, instalaranse sensores tecnolóxicos en edificios pertencentes á UDC, á lonxa e á Cruz Vermella, localizados no termo municipal. Grazas a este tipo de dispositivos, poderá optimizarse o consumo de recursos hídricos, valorar axustes automáticos da iluminación e dispor dunha medición continua do gas radón, mitigando riscos para a saúde das persoas.
Adxudicación do novo contrato do Servizo Municipal de Canguros
Por último, a Xunta de Goberno Local autorizou a adxudicación do novo contrato do Servizo Municipal de Canguros, que asumirá a empresa Vitaevents. Este contrato, que engloba a modalidade de atención nos espazos de atención á infancia e ludotecas, contará cun orzamento de 605.000 euros para unha vixencia de tres anos.