Friday 22 de November de 2024

O Concello de Carballo recupera a figura de Xesús San Luís Romero a través do primeiro documental dedicado ao autor


A presentación da película realizarase este venres ás 12.00 horas, no colexio que leva o nome do autor de “O fidalgo”

Coincidindo co 150º aniversario do nacemento de Xesús San Luís Romero en Carballo, o 9 de setembro celebramos na rúa da Saúde, ao pé da súa casa natal, un fermoso acto de homenaxe e recoñecemento social. Pero ademais da música que puxo a Banda Municipal de Gaitas, da lectura dramatizada de varias escenas de “O fidalgo” que bordaron Alba Bermúdez e Toño Casais, dos datos históricos que ofreceu o noso cronista Xan Fraga, ou mesmo da imaxe do autor que permanece aínda no escaparate grazas á colaboración do establecemento comercial situado nese baixo, queriamos completar este aniversario tan simbólico cun agasallo que perdurase para sempre.

E ese agasallo é Xesús San Luis, o poeta zapateiro, o primeiro documental sobre a figura de Xesús San Luís Romero, un traballo que recolle testemuños, imaxes, literatura, historia e escenarios que permiten realizar un percorrido o máis aproximado posible pola vida e pola obra do ilustre autor carballés. A película, de case media hora de duración, foi producida por Nós Televisión para o Concello de Carballo. A partir deste sábado estará a disposición de todas as persoas interesadas na nosa canle de YouTube e ás 21.00 horas dese mesmo día emitirase por televisión no 119 de R.

Pero antes faremos unha pre-estrea no CEIP Xesús San Luís Romero, que colaborou activamente na gravación e que protagoniza boa parte da mesma. O acto, previsto para este venres 16 de decembro ás 12.00 horas, contará coa participación de alumnado e profesorado, e por parte do Concello de Carballo tamén se achegarán ata o centro o alcalde, Evencio Ferrero, e outros representantes municipais.
Evencio Ferrero é, de feito, un dos participantes no documental, xunto co historiador Xan Fraga, a escritora e profesora Rosalía Fernández Rial, o sobriño-neto do autor Xosé Ramón San Luís, a directora do CEIP Xesús San Luís Romero, Marisa López, e varios alumnos e alumnas, e Antonio Rodeiro, do Grupo de Teatro da Maía, unha das poucas compañías contemporáneas que ten representado O fidalgo. Grazas a todos e todas pola colaboración. Agardamos que vos guste!